O Concello de Narón incrementa as horas de servizo do persoal de apoio, limpeza e cociña das tres escolas infantís municipais

Escola de Piñeiros

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, anunciou que o goberno local reforzará con 94.600 euros o servizo de xestión das tres escolas infantís municipais. Esta partida súmase aos 520.000 euros que o Concello destina ao contrato de xestión dos tres centros, e que se ampliou con motivo da actual situación sanitaria “para reforzar o persoal de apoio, de limpeza e de cociña”, tal e como explicou Ferreiro.

“En conxunto, con cargo a esa achega económica, sufragaranse os gastos das horas que se realizarán a maiores nestas tres áreas das escolas infantís municipais, incrementando as xornadas do persoal en case 800 horas ao mes ata agosto do vindeiro ano, cando expira o contrato”, indicou a rexedora local.

A partida de 94.600 euros permitirá incrementar os horarios de limpeza e persoal de educadoras de apoio nos tres centros, e tamén o persoal de cociña das escolas infantís municipais de Piñeiros e A Gándara, debido a que na Solaina co horario actual do servizo pódese atender a demanda do mesmo.

Ferreiro incidiu ademais en que “esta medida lévase a cabo co fin de cubrir unha serie de necesidades detectadas no servizo debido á situación sanitaria, ampliando o contrato en vigor para atender as necesidades xeradas pola pandemia da Covid-19 e ofrecer unha atención óptima ás familias usuarias deste servizo”. A rexedora local explicou que dende o goberno local “entendemos a necesidade de máis persoal nestes centros, por ter outras funcións a maiores derivadas da situación sanitaria como é no caso das educadoras de apoio, de maior desinfección debido á prevención da Covid-19 e tamén nos comedores máis horarios de servizo ao ter que comer por quendas os menores”.

Ferreiro destacou o feito de que “dende o Concello cumprimos coas ratios de persoal para estes centros pero decidimos mellorar o servizo incrementando o contrato en vigor e tamén mantendo o número de prazas nas tres escolas infantís municipais”.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …