Narón-O Concello reforzou en máis de 300 horas mensuais a limpeza e desinfección de centros de ensino

O Concello de Narón reforzou en máis de 300 horas ao mes as tarefas de limpeza e desinfección dos centros de ensino da cidade nos que habitualmente realizaba esta tarefa. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que “durante o período vacacional estiveronse realizando traballos de limpeza e desinfección no exterior das instalacións, e tamén no interior durante o prazo de formalización das matrículas, se ben agora, co inicio do curso, decidimos reforzar este servizo nos baños e superficies de uso común durante o horario de mañá, mentres os menores permanecen no centro”.

As tarefas lévanse a cabo durante cada xornada lectiva nos colexios da Gándara, A Solaina, Piñeiros e Ponte de Xuvia, ademais de nos centros do Colexio Rural Agrupado de San Xiao, Sedes, O Val (dous edificios), Domirón e Freixeiro. “Antes do inicio do curso mantivemos reunións coas directivas de todos os colexios públicos e concertados da cidade”, recordou Ferreiro, que indicou que “no transcurso das mesmas, e co fin de coñecer as súas necesidades e a nosa posibilidade de colaborar, manifestáronnos que preferentemente eses traballos de reforzo da limpeza e desinfección se levasen a cabo durante os recreos, tal e como se está facendo, atendendo ao protocolo establecido pola administración autonómica”.

A maiores desa labor nos propios edificios, tamén se realiza a desinfección dos parques localizados nos recintos escolares. “Dende o Concello tamén colaboramos cos centros educativos na instalación física de dispensadores de xel hidroalcohólico, atendendo así unha das peticións que nos realizaron as direccións dalgúns centros”.

 

O reforzo dos traballos de desinfección e limpeza para previr a Covid-19 tamén se realiza en edificios de uso continuado, como o Concello, a Aula Cemit, o Centro de Formación Irmás Froilaz e o Pazo da Cultura.

O baldeo e desinfección diarias de zonas de concorrencia pública, unha campaña de desinfección do parque de contenedores, a limpeza e desinfección diarias dos parques infantís e biosaudables de todo o termo municipal completan as actuacións que se están levando a cabo dende a área de Servizos en materia de prevención da Covid-19.

“Con todas estas medidas, dende o goberno local tratamos de reforzar ao máximo os protocolos emitidos por administracións supramunicipais de prevención da Covid-19, incrementando por exemplo esas horas de limpeza para minimizar posibles riscos de contaxio”, recalcou Ferreiro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …