A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Urbanismo, Manuel Ramos, reuníronse no Concello co xerente do grupo Intaf, José Ramón Franco, e o avogado e apoderado do citado grupo, Nonito Aneiros. No transcurso da xuntanza Franco presentoulles a Ferreiro e Ramos o Plan de investimentos que o grupo Intaf porá en marcha na cidade para ampliar a súa capacidade produtiva, loxística e tecnolóxica.
Nos proxectos participados polas empresas do grupo previstos para executar nos vindeiros dous anos estímase un investimento conxunto que ascende a 5,1 millóns de euros, dos que tal e como avanzou Franco, 3,1 se reservan para maquinaria tecnolóxicamente avanzada e equipos complementarios; 1,9 se destinarán a novas infraestruturas e os 100.000 euros restantes a investimentos TIC e
consultoría especializada.
Ferreiro valorou os plans inversores do do grupo Intaf na cidade e o traballo que realiza, recoñecido a nivel nacional e internacional. “É un orgullo para unha cidade como Narón a aposta de empresarios locais por manter as súas empresas na cidade, xerando emprego tanto neste concello como noutros da comarca e de fóra e diversificando a súa actividade en varios sectores, como a industrial e a enerxía e porturario, con importantes investimentos como os que realizará o grupo Intaf nos vindeiros dous anos”, subliñou a alcaldesa.
Así mesmo, a alcaldesa destacou o feito de que “este plan inversor contemple a creación de novos postos de traballo e teña en previsión manter o emprego actual das empresas do grupo”.
Ao respecto, Franco asegurou que “á vista da evolución doutros plans de investimento executados consideramos que a cifra de emprego que se prevé crear podería triplicarse”.
En canto á materialización do plan o xerente do grupo Intaf destacou que a pandemia da Covid-19 non tivo unha afección directa no seu modelo de negocio, motivo polo que se manteñen os plans de investimento proxectados a comezos deste mesmo ano “considerándoa a mellor medida de apoio á xeración de emprego e ao crecemento económico”.
Os investimentos traduciranse na ampliación de espazo produtivo e solo industrial en Río do Pozo, maquinaria tecnoloxicamente avanzada, creación de novas empresas, materialización de proxectos de expansión do grupo e adquisición de novo equipamento… entre outras.
“Quero destacar o valor deste grupo naronés, que a pesar da crise do sector naval soubo reinventarse e especializarse conservando o marcado carácter familiar que sempre o caracterizou”, apuntou Ferreiro. A rexedora local recordou que no ano 2016 “o Concello de Narón homenaxeou a tres empresas locais, entre elas o grupo Intaf, por levar naquel entón máis de 75 anos asentadas no municipio, un recoñecemento aos valores de grandes equipos humáns, como é o caso deste grupo, que contribúen a facer de Narón o motor económico desta comarca e todo un referente en múltiples sectores a nivel nacional e internacional”.