O Padroado da Cultura de Narón abre o prazo de matrícula nas Escolas Culturais Municipais

O Padroado da Cultura abrirá este mércores o prazo de inscrición nas Escolas Culturais Municipais.

O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, explicou que se inician os trámites de matriculación “atendendo a todos os protocolos de seguridade para realizalos e tamén sendo conscientes de que en función de como avance a actual situación sanitaria pola Covid-19 se poderán desenvolver ou non as clases programadas para o vindeiro curso porque a prioridade será en todo momento garantir a seguridade das persoas, tanto do persoal que traballa no Pazo como do alumnado neste caso concreto”. As inscricións poderán realizarse ata o 25 de setembro nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres entre as 9.00 e as 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e tamén os sábados de 10.00 a 13.00. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 391 144 ou escribir un correo electrónico á dirección: d.canovas@naron.es.

Estableceuse un estricto protocolo anti-Covid para o proceso de matriculación, con varios puntos de xel hidroalcohólico, diferentes itinerarios de entrada e saída no Pazo, uso obrigatorio de máscara e mantemento das distancias de seguridade”, explicou o edil naronés. A maiores, e atendendo ás recomendacións da Consellería de Sanidade, solicitarase que preferentemente se realice o pago da matrícula mediante tarxeta bancaria.

As Escolas Tradicionais ofertan un ano máis clases de Danza tradicional, Canto e pandeireta (a partir de 5 anos); Gaita, Percusión tradicional (a partir de 6 anos); Acordeón, Zanfona (dende os 8 anos); Construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, para os nenos e nenas de menor idade, de 3 e 4 anos, está a modalidade de O Recuncho dos Pequechos. A través desta última foméntase o desenvolvemento integral do menor e concíbese a modo orientativo para que no futuro os alumnos e alumnas poidan elixir entre as diferentes opcións das Escolas Culturais Municipais.

Nas Escolas Artísticas hai novamente dúas opcións: Debuxo (a partir de 6 anos) e Teatro (a partir de 4 anos) e dende a Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum.

En canto ao custe destas actividades, o prezo de cada unha delas é de 63,10 euros por curso a excepción de segundo e terceiro da Escola de Formación Actoral, cuxo importe é de 208 euros por curso.

Outra das modalidades das Escolas Culturais Municipais do Padroado da Cultura é Bailes de salón (a partir de 4 anos) e cun custe de 31,60 euros por matrícula e unha cota de 15 euros ao mes.

No caso de que finalmente se poidan impartir as clases, o curso comezaría o 1 de outubro e remataría a finais de maio do vindeiro ano. “Abrimos o prazo para realizar os trámites que precisamos no caso de que se poidan impartir as clases, pero non podemos garantir, ante a actual situación sanitaria, que vaia ser así, polo que continuaremos pendientes da evolución da pandemia para suspender o inicio das mesmas no caso de non poder ofrecer as máximas garantías”, recalcou Sánchez Fojo

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …