Marián Ferreiro e Alberto González asinaron un convenio. Narón implantará o servizo de saneamento en vivendas limítrofes de Valdoviño

 A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron na mañá deste venres no Concello naronés un convenio de colaboración entre ambas administracións para a prestación material do servizo de evacuación e tratamento das augas residuais nun núcleo de vivendas ubicadas en Valdoviño, nas proximidades dos límites territoriais fixados entre os dous concellos. Ferreiro indicou que a empresa mixta concesionaria deste servizo na cidade, Cosma, prestará o servizo aos propietarios e propietarias desas vivendas situadas no termo municipal limítrofe de Valdoviño.

Pola súa banda, tal e como apuntou González, o Concello valdoviñés remitirá unha relación dos inmobles, vivendas e particulares que se poidan acoller a este convenio e interesados na prestación deste servizo, tal e como constará nun documento asinado polos afectados. Estes últimos, á súa vez, deberán aboar ao Concello de Valdoviño os custes derivados das obras de acometida e actuacións materiais que se requiran e as tarifas pola prestación do servizo, recibindo a empresa Cosma as pertinentes liquidacións desas tarifas.

No convenio asinado recóllese tamén que Narón implantará e manterá o servizo nos inmobles a través da exclusiva execución das acometidas nos lugares nos que previamente existe a rede, dentro do seu termo municipal.

Marián Ferreiro e Alberto González coincidiron en destacar a importancia deste acordo de colaboración entre as administracións, en canto que “permitirá ofrecer un servizo a través das redes de saneamento e abastecemento pertencentes ás redes municipais de Narón a un conxunto de vivendas que carecían do mesmo e a outras que se poidan construír na zona nun futuro, realizando acometidas ou pequenas ampliacións da rede ata os colectores”.

Os rexedores de Narón e Valdoviño subliñaron a importancia da colaboración entre
administracións para, como neste caso, realizar actuacións que redunden en
beneficio das súas veciñas e veciños e, ao mesmo tempo, optimizar recursos.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …