O concelleiro de Sanidade do Concello de Narón, Santiago Galego, informou que este domingo, día 21, a rotonda de Freixeiro permanecerá iluminada de cor verde con motivo do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). O Concello de Narón súmase así á campaña #LuzporlaELA, impulsada pola Asociación Gallega de Afectados de Esclerosis Lateral Amiotrófica (Agaela), a Fundación Luzón e outras asociacións pertencentes á comunidade da ELA.
“A través desta iniciativa queremos contribuír con estas entidades a facer máis visible esta enfermidade e apoiar ás persoas que a padecen, ao tempo que concienciamos á poboación sobre as dificultades que conleva no día a día”, asegurou Galego.
Na actualidade, según indican as entidades impulsoras desta campaña, en España hai 4.000 persoas diagnosticadas de ELA, unha enfermidade neurodexenerativa incurable, que causa tres mortes diarias no país e sobre a que se diagnostican, tamén cada día, tres novos casos. A ELA é unha patoloxía dexenerativa e incapacitante que paraliza os músculos do corpo e que afecta tanto aos enfermos como ao seu entorno, debido a que as persoas que a padecen precisan coidados durante as 24 horas do día e que tan só nun 10% cubre o sistema público, tal e como aseguran dende o colectivo.
Dende a organización convidaraon á cidadanía a enviar fotos ou vídeos dos edificios, monumentos… iluminados con motivo do Día Mundial da ELA e difundilas nas redes sociais co hashtag #LuzporlaELA , ou envialas por correo electrónico á dirección: info@agaela.es para difundilos a través da súa páxina web: www.agaela.es .