Coronavirus-Voluntarios de Protección Civil de Narón colaboran co Sergas no control de acceso ao centro de saúde

Voluntarios de Protección Civil de Narón colaboraron na deste luns na regulación do acceso tanto ao Consistorio como ao Centro de Saúde, neste último caso para derivar aos pacientes dende o Auditorio municipal ata o centro sanitario e coincidindo coa realización de probas médicas e tamén do inicio dos test de seroprevalencia para os que o Sergas citou a persoas da cidade e para cuxa organización, en canto á afluencia de persoas, solicitou a colaboración do Concello naronés.

Entre as 10.00 e as 13.00 horas dúas persoas voluntarias desprazáronse ao Auditorio para colaborar coas veciñas e veciños, xunto con persoal do Sergas que se encargaba de comprobar os datos dos pacientes e de indicarlles, en coordinación co persoal do Centro de Saúde, en que momento poderían acceder. As persoas citadas acceden ao Auditorio por unha porta lateral, dende donde o persoal de Protección Civil as dirixe ata a traballadora do Sergas que se encarga ademais de que cumpran coas medidas sanitarias –hixiene de mans e mascarilla-.

O Sergas iniciou este luns os test da segunda fase do estudo de seroprevalencia, a través do que se coñecerá, según indicaron, a circulación da Covid-19 nas comarcas de Galicia. Veciñas e veciños da cidade participan nesta iniciativa de xeito voluntario –unha vez que o Sergas contacta con eles-.

Os test programados na cidade continuarán durante esta semana e a vindeira, co fin de atender ao medio milleiro de persoas citadas para realizar esta proba.

No edificio do Concello tamén estivo colaborando dende primeira hora da mañá persoal voluntario de Protección Civil no control de acceso.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …