Durante o estado de alarma, estanse a estudar as fórmulas que permitirán abrir o curso que vén os colexios e institutos pero o que xa avanzou a ministra de educación e que non se poderán masificar as aulas. Para iso, desde o BNG de Narón, veñen de solicitar por carta a Ethel Vázquez, conselleira de educación que abra matrícula na escola de Pedroso, e tamén estude a posibilidade de facelo nas escolas pechadas no concello de Narón.
Inciden tamén na importancia de realizar as obras pertinentes que precisan os colexios da localidade. “Este ano xa rexistraramos medidas e preguntas parlamentares ante a situación de falta de investimento nos centros escolares, a non resposta de apertura de comedor no colexio de Piñeiros que levan reclamando anos a sua ANPA e tamén a non ampliación noutros centros do servizo de comedor por parte da Xunta. “Agora, ademais de necesario, faise imprescindíbel mellorar a situación na que se atopan os colexios e institutos de Narón” afirma Olaia Ledo, voceira municipal do BNG de Narón.
Afirman na carta que “os recortes no ensino foron unha constante durante máis dunha década gobernando o PP e que se queren cumprir cos estándares de calidade e seguridade ( non máis de 15 crianzas por aula) pedímoslle que permita inscribir matrículas nas escolas rurais que pechou nos últimos anos a súa consellería, nomeadamente a escola rural de Pedroso que despois da loita de todo o pobo e de ter matrícula suficiente o ano pasado decidiu pechar igualmente”.
Ademais da carta na Xunta veñen de rexistrar para pedir ao goberno municipal que se unan e insten á consellería de educación a reconsiderar esta apertura “ a loita do pobo de Pedroso e todo o concello que se uniu nese apoio o ano pasado cando tiñan matrícula suficiente non vai ficar esquecido nunca e agora a conselleira ten a chave da reapertura” inciden desde o BNG de Narón.