Máis dun centenar de veciñas e veciños participaron na iniciativa “En Narón, os Maios ao balcón”

O Padroado da Cultura de Narón e a Sociedade Cultural Areosa organizaron este ano unha nova iniciativa para conmemorar na cidade a celebración dos Maios: “En Narón, os Maios ao balcón”. A actual crise sanitaria condicionou o programa desta festividade, cunha gran tradición na cidade e que alcanzou este ano a vixésimo terceira edición. Aínda así, tal e como asegurou a alcaldesa, Marián Ferreiro,estamos moi agradecidos pola implicación das nosas veciñas e veciños, que enviaron un total de 115 imaxes ou vídeos dos seus Maios, dependendo da elección de cada un, a esta nova iniciativa”.

Na tarde deste sábado fíxose público o nome das persoas agraciadas no sorteo de cinco lotes de entradas para espectáculos do Padroado da Cultura -tres entradas por cada lote- que se programen no inicio da tempada. A alcaldesa anunciou que as entradas serán para Isabel Tojeiro Luaces, Ramón Dopico e Sabela Folgar (que presentaron un Maio), Manuela Márquez, Soraya Pita Freire e Silvia Bogo.

Os balcóns e fiestras de varias vivendas da zona urbana e rural do municipio luciron nos últimos días os 115 Maios realizados pola veciñanza, e nos que tal e como se amosa nas imaxes, se implicaron tanto os nenos e nenas como as persoas de máis idade, seguindo unha tradición coa que se festexa a chegada da primavera. Flores e outros elementos vexetais, cartulinas, froitas, pinturas… e outros materiais que tiñan nas súas casas serviron para elaborar os floridos Maios deste ano.

Con todos os Maios dos que se enviaron vídeos ou fotografías ao Padroado da Cultura de Narón editáronse varios vídeos –inicialmente estaba previsto facer un pero debido á elevada participación realizáronse tres- nos que se amosan todos os traballos realizados pola veciñanza e os seus protagonistas. Os dous primeiros poden verse xa na páxina de Facebook do Padroado da Cultura de Narón e estarán tamén dispoñibles no do Concello de Narón.

“Quero agradecer unha vez máis a colaboración da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, nesta nova edición dos Maios e, como non, a de todas as veciñas e veciños que fixeron posible que este ano, nesta crise sanitaria que estamos vivindo, puidésemos celebrar esta festividade, manténdoa igualmente viva na nosa cidade e que o vindeiro ano poderemos volver a festexar xuntos polas rúas da nosa cidade”, asegurou Ferreiro.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …