O Concello de Narón reabrirá o Punto Limpo e o servizo de atención para recollida de voluminosos

O Concello de Narón reabrirá o vindeiro luns, día 11 de maio, as instalacións do Punto Limpo municipal, localizadas no polígono de Río do Pozo. O servizo deixou de estar operativo tras decretarse o estado de alarma e reabrirá as súas portas para que poidan acudir novamente as veciñas e veciños, tal e como anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro. Así mesmo, a rexedora local avanzou que tamén se retomará o servizo de recollida de enseres a partir da vindeira semana, cando se poderá comezar a chamar, tamén dende o luns, para organizar esas recollidas.

Punto limpo

No caso do Punto Limpo de Río do Pozo, manterá o horario de apertura habitual, de luns a venres de 9.00 a 13.00 e dende as 16.00 ata as 19.00 e os sábados de 9.00 a 14.00. Escombro, electrodomésticos, chatarra, mobiliario, madeira, plásticos e moitos outros residuos son algúns dos que se poden depositar nas citadas instalacións. No momento da recepción dos residuos seguiranse os protocolos establecidos pola Covid-19 en materia de seguridade e sanidade, tanto por parte do persoal das instalacións como dos usuarios e usuarias das mesmas.

Voluminosos

No que respecta á recollida de voluminosos, Ferreiro explicou que para dispoñer do servizo haberá que chamar ao número de teléfono 981 391 074, donde recollerán dende o día 11 os datos para pasar a recoller os enseres a partir do día 19 deste mes. “Neste caso é moi importante que a xente non baixe ningún voluminoso á rúa, porque debemos continuar sendo moi coidadosos coas medidas sanitarias e de hixiene contra o coronavirus”, asegurou a alcaldesa. Sobre o funcionamento deste servizo indicou que “dende o luns o persoal do servizo comezará a coller as chamadas para organizar a recollida que se iniciará o día 19, dispoñendo así duns días para ir organizando o traballo a realizar”.

A recollida dos voluminosos realizarase progresivamente, polo que dende o Concello solicitouse á cidadanía “a máxima colaboración porque hai algo máis dun mes e medio que non se presta o servizo e temos que comprender que se irán recollendo os voluminosos a medida que avance o servizo, seguindo a orde establecida polo persoal en función de cando vaian recibindo as chamadas demandando esa recollida”

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …