O Padroado da Cultura e a S C. Areosa organizan a iniciativa “En Narón, os Maios ao balcón”

“En Narón, os Maios ao balcón” é o lema baixo o que se celebrará o vindeiro mes a vixésimo terceira edición desta tradicional festividade en Narón. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, explicou que debido á actual situación do estado de alarma, ao igual que sucedeu con outras actividades impulsadas dende o Concello –como a conmemoración do Día Internacional do Libro, o pasado 23 de abril- elaborouse unha proposta diferente na que poderán participar todas as veciñas e veciños da cidade.

“Un ano máis dende o Padroado da Cultura contamos coa colaboración da Sociedade Cultural Areosa para celebrar a chegada da primavera e farémolo dun xeito diferente, por iso vos animamos a elaborar un Maio como vos guste a vós, utilizando material de refugallo, cousas que teñades a man nas vosas casas, respectando en todo momento o actual confinamento do estado de alarma”, explicou Ferreiro. Os Maios que elabore a veciñanza poderán ser do tamaño e forma que desexen as persoas que os realicen e poderán tamén estar inspirados noutros Maios, tal e como se contempla dende a organización.

A iniciativa consiste en gravar un vídeo duns dous minutos –coa imaxe en horizontal- amosando os Maios que elaboren as naronesas e naroneses e que coloquen nas súas xanelas ou balcóns. O vídeo debe enviarse antes do 5 de maio á dirección de correo electrónico d.canovas@naron.es (co nome completo, unha dirección de correo electrónico e un teléfono de contacto). “Unha vez recibidos todos os vídeos das nosas veciñas e veciños editaremos un único vídeo para poder amosar os traballos nas redes sociais municipais”, avanzou Ferreiro, que asegurou que todas as persoas que o remitan, participarán no sorteo dun agasallo sorpresa, cuxo sorteo se realizará o día 9 de maio, xornada na que se conmemorará o Día dos Maios en Narón.

Dende o Padroado da Cultura editouse un vídeo no que se expoñen as instrucións desta convocatoria, que se pode ver a través da canle de YouTube: https://youtu.be/m0QDq_8q3RY e tamén no Facebook do Padroado da Cultura de Narón e do Concello de Narón. Na páxina web do Concello tamén se poderá descargar un debuxo do cartaz en branco e negro, para colorear.

“Animamos a todas as veciñas e veciños a realizar o seu propio Maio e decorar con el as fiestras e os balcóns das súas casas, porque esta celebración é toda unha tradición na nosa cidade e queremos mantela máis viva que nunca nestes tempos tan complicados que todas e todos nós estamos vivindo”, subliñou Ferreiro. Así mesmo, incidiu no feito de que mantendo esta festividade “queremos tamén agradecer á veciñanza de Narón o esforzo que está realizando neste estado de alarma ao cumprir as medidas decretadas polo Goberno central e, ao tempo, tratar de retomar na medida das posibilidades festas como as dos Maios, que encherán de cor e flores as fiestras e balcóns da cidade e que así o poderemos ver no vídeo que elaboraremos coas achegas que nos realicen”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …