O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá no pleno do vindeiro xoves, por medio dunha moción, que o Concello impulse unha liña de axudas e subvencións directas destinadas aos veciños e veciñas da cidade, afectadas pola actual crise do Covid-19, que viron reducidos os seus ingresos e que debería de contar cunha dotación mínima de 1,36 millóns de euros (cantidade que queda libre do remanente económico). A intención é que estas axudas de carácter social complementen as xa aprobadas destinadas a autonomas e pemes.
Así mesmo o BNG na sua iniciativa propón desenvolver bonificacións específicas nas ordenanzas municipais tendo en conta a situación de emerxencia provocada polo Covid 19 e proceder a revisión das bonificacións das taxas e ordenanzas municipais con caracter xeral adapatándoas á realidade social da cidade.
O BNG sinala na súa moción que «a nosa cidade non vive allea a complicada situación económica que estamos a atravesar e que ten como unha das súas consecuencia a destrución dun número importante de postos de traballo. As taxas de desemprego se disparan situando a moitas unidades familiares nunha complicada situación económica. Na nosa cidade e na comarca, se teñen desenvolvido ERTES, producido despedimentos, e moitas actividades non poden funcionar e non teñen un mínimo ingreso. Isto implica que existe unha precariedade cada vez máis ampla respecto dunha parte substancial dos veciños e veciñas desta cidade que están a sufrir, non só unha diminución nos seus ingresos habituais, senón tamén unha perda absoluta deses recursos».
O BNG considera que nestes momentos «é cando as administracións públicas deben facer un maior esforzo dentro do seu marco competencial e artellar as medidas que axuden as familias que se atopan nesta situación a superar estes momentos de angustia e dificultades económicas. Non se trata, xa que logo, de proceder de xeito simplista a unha baixada xeralizada de impostos e taxas municipais, trátase de ampliar e axustar as bonificacións previstas nas taxas e ordenanzas municipais á nova situación de moitas familias«.
Desde o BNG consideran «imprescindíbel ser permeábeis a esta situación e artellar os mecanismos administrativos que contemplen os novos casos que se dan na sociedade. Por esta razón consideramos que ás axudas que se implementarón circunscritas ao ámbito das actividades de carácter económico afectadas pola actual situación deben complementarse con axudas de carácter social«.