O Concello de Narón realiza unha primeira entrega de 5000 cubrebocas realizados por persoal voluntario

Un equipo de voluntarios formado por mulleres e homes de Narón elaborou os 5.000 cubrebocas artesanais que, na que é unha primeira entrega, o Concello naronés comezou a distribuír entre diferentes colectivos. A iniciativa, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, forma parte dunha campaña impulsada polo Concello para promover a autoprotección da veciñanza, complementando así ás medidas de confinamento e distanciamento social establecidas polas autoridades sanitarias durante o estado de alarma para conter a propagación do coronavirus.

Baixo o lema “Usando cubrebocas eu protéxote, ti protéxesme”, o persoal de Protección Civil entregou xa as primeiras unidades a traballadoras e traballadores de varios establecementos de alimentación, como panaderías, supermercados,ferreterías, e outros, que se irán completando nos vindeiros días, tal e como avanzou a rexedora local.

Ao usar estes cubrebocas, que levan uns filtros de protección, evitamos a posible transmisión do virus ao tusir ou mesmo respirar, co que constitúen unha importante medida de autoprotección coa que entre todas e todos nós axudaremos a frear os casos de contaxio”, apuntou a alcaldesa. A recomendación das autoridades sanitarias é usar máscaras, pero ante a dificultade de atopalas actualmente no mercado, dende o Consistorio naronés apostouse por esta iniciativa, “contando en todo momento coa axuda de voluntarios e voluntarias que día a día foron realizando esas 5.000 unidades que estamos repartindo e, como non, das persoas que doaron o material preciso para facelas. A todas e todos eles quero transmitirlles o máis sinceiro agradecemento polo seu desinteresado labor”, subliñou Ferreiro.

O papel preventivo dos cubrebocas é fundamental nestes momentos, polo que dende o Concello se insta á cidadanía a utilizalos e promover o seu uso entre a familia, amizades e veciñanza. Para poder dispoñer dos cubrebocas, que se irán entregando en función da dispoñibilidade aos diferentes colectivos, pódese chamar ao número de teléfono: 647 622 245.

Así mesmo, esta iniciativa leva aparellada outra proposta, a de tirar unha foto co cubrebocas e subila ás redes sociais co hashtag: #protexenaron.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …