O alcalde, Ángel Mato, presidiu esta mañá unha xunta de voceiros dos grupos municipais, na que se avanzou nas medidas económicas que o Concello está en disposición de adoitar para prestar axuda ás persoas máis afectadas pola crise. Tamén de outras de carácter social, para cuxa aprobación “por consenso”, sinalou o rexedor, hai entre os diferentes partidos políticos “unha boa disposición”. Tras analizar as diferentes posibilidades, Mato comprometeuse a presentar na próxima reunión cos portavoces, que se celebrará o mércores, unha proposta en firme do goberno local que inclúa diferentes achegas dos grupos.
O que xa avanzou o alcalde é que a intención é empregar boa parte do remanente de tesourería para crear unha liña de subvencións destinada a autónomos, pemes e traballadores. Serían dous millóns de euros que servirían para unha primeira convocatoria cunha tramitación o máis sinxela e rápida posible, mentres que arredor de 700.000 euros reservaríanse para as emerxencias sociais que o Concello xa está a atender e que as previsións apuntan a que se poidan incrementar ao longo dos próximos meses. O goberno local quere que estas medidas iniciais para a reactivación económica da cidade conten máis adiante cunha segunda convocatoria cando o orzamento municipal o permita. Nese senso, o alcalde solicitoulles aos portavoces que entre todos analizasen as posibilidades para chegar a un acordo.
Mato detallou que a proposta a curto prazo incluirá a concesión de contías fixas ás persoas físicas e xurídicas cuxa actividade se vira afectada polo peche de establecementos disposto no Real Decreto do 17 de marzo e a quen sufra unha redución da facturación. A maiores, poderíanse establecer importes por cada traballador.