O Concello de Ferrol, a través da área de Participación Cidadá, que dirixe Ana Lamas, vén de enviar un escrito ás asociacións veciñais solicitando a súa colaboración de cara a optimizar os traballos de limpeza e desinfección con hipoclorito sódico —solución que combinada con auga resulta lixivia— que se están levando a cabo na cidade desde que comezou a alerta sanitaria do Covid-19.
A edil apela no documento ao “coñecemento sobre o terreo” de barrios e parroquias dos responsables das entidades para solicitarlles “información sobre aqueles emprazamentos que sexan susceptibles de ser incluídos nas labores de desinfección”. O obxectivo é, explica Lamas, que “nos axuden a detectar aquelas áreas onde teñamos acumulación de persoas e que, por tanto, sexa necesario incluílas no noso listado de lugares para limpar e desinfectar en profundidade”. Desde o Concello “estamos poñendo todo o noso empeño en combater ao Covid-19 e queremos chegar a todas as zonas polas que irremediablemente teñen que transitar máis veciños de Ferrol” aclarou a edil. “Se quedou fora do noso plan de traballo algún lugar, pedimos que nolo fagan saber”. De este modo, explicou, “entre todos conseguiremos frear a propagación dos contaxios”.
As entidades veciñais poderán comunicar ao Concello as súas achegas a través do correo participacion@ferrol.es e serán trasladadas ao departamento correspondente.
En colaboración cos bombeiros
O servizo municipal de limpeza traballa de forma coordinada co departamento de Seguridade, que a finais da semana pasada incorporou ao Corpo de Bombeiros de Ferrol ás tarefas de desinfección en profundidade de aquelas dependencias que por prestar servizos esencias permanecen abertas. En concreto, a empresa Urbaser concentra os seus medios en hixienizar supermercados, panaderías, estancos, quioscos, farmacias e marquesiñas, entre outros, e os efectivos de bombeiros empréganse en edificios públicos e sociais, como ambulatorios, centros hospitalarios, residencias de maiores, xulgados, o Edificio Social e a sede de Cáritas, entre outros.
Plan de traballo diario
Tanto os operarios de Urbaser como o Corpo de Bombeiros contan cun plan de traballo cos lugares que deben desinfectar a diario. No caso dos primeiros, ao longo do día de hoxe baldearán cunha solución de auga e xabón os barrios de Canido, Ensanche A, Ferrol Vello, Esteiro e Centro. As tarefas de desinfección concentraranse nos lugares de maior concentración de persoas, sobre todo nos accesos a supermercados, panaderías, farmacias, quioscos, estancos, paradas de autobús, bancos e contedores de lixo, entre outros, dos barrios Centro, Canido, Ensanche A, Caranza, vivendas de Bazán, Telleiras e San Xoán.