O concelleiro de Promoción Económica de Narón, David Pita, entregou na mañá deste luns no Concello os premios correspondentes ao “Concurso de Tapas de Entroido” organizado a través do Club Narón Gastronómico. O certame desenvolveuse entre o 21 de febreiro e o pasado 1 de marzo nunha vintena de establecementos de hostalería da cidade, que serviron as diferentes elaboracións –doces ou salgadas- de balde ou cobrando un prezo que non superaba os tres euros, opción elixida polos propietarios ou propietarias de cada un dos establecementos.
Valoración da clientela
En primeiro lugar Pita entregou un diploma e una peza do escultor naronés Manuel Méndez, realizada exclusivamente para o certame, aos gañadores do premio elixido a través da valoración das tapas por parte da clientela e do xurado experto. O primeiro premio da votación popular recaeu no mesón Os Cazadores, dotado tamén con 300 euros; o segundo na Roldana, con 200 euros e o terceiro en Mestura, con 100 euros.
«Cata a cegas»
Así mesmo, o edil de Promoción Económica entregou tamén un diploma e unha escultura de Méndez aos gañadores do premio da “cata a cegas”, que valoraron Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (A Coruña), cunha estrela Michelín e dous Soles Repsol e Rafa Centeno, do restaurante Maruja Limón (Vigo), tamén coas mesmas distincións. Os premios desta modalidade foron para o Mesón O Pío o primeiro, dotado con 400 euros; para 3 Pés, con 250 euros o segundo e para La Perfecta o terceiro, de 150 euros.
Os establecementos participantes na convocatoria foron o restaurante A Roldana, a cervexaría Australian, Café Bar Ramil, Casa Sindo, a Estrela do Ponto, Gastrobar Piñeiros, La Cantina, La Continental, La Panadería, La Perfecta, La Salmantina, Mamá Flora, Mesón O Pío, Mestura, Novo O Tapeo, Nueva Orleáns, Nuevo Mercado, Os Cazadores, Silver e 3 Pés.
Premios para a clientela
En canto aos premios para a clientela, as tres ceas valoradas en 150 euros cada unha –para unha persoa e acompañantes que deben ter lugar nos establecementos clasificados en primeiro, segundo e terceiro posto- recaeron en Damadis Bernabeu Auñón, María José Dopico Piñeiro e Juan Arribas Rodríguez.
Así mesmo, sorteáronse dous circuítos no Spa de Odeón, que gañaron Pilar Fernández Vázquez e José Manuel Araújo Piñeira.
David Pita agradeceu a participación dos hostaleiros nesta iniciativa e destacou o feito de que contribuirá a dar a coñecer os establecementos de hostalería da cidade, dos que destacou o seu traballo e servizo. Así mesmo, o edil felicitou “a todos os establecementos participantes, en especial aos gañadores” e tivo tamén palabras de agradecemento “para os integrantes do xurado e a clientela que, xunto co sector hostaleiro, fixeron posible coas súas puntuacións que puidésemos levar a cabo un ano máis este certame”.