O Concello acolleu na mañá deste xoves un acto oficial programado con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller, a homenaxe á Muller do Ano 2020 de Narón. Esta distinción, aprobada por unanimidade no pleno celebrado a pasada semana, recaeu en Julia Rodríguez Márquez, unha leridana procedente dunha familia ourensá que estudou Maxisterio e comezou a exercer a súa profesión en Narón no ano 1980. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu o acto, no que estivo acompañada pola edil de Igualdade, Mar Gómez, portavoces dos grupos municipais e edís da corporación local e familiares e amizades da homenaxeada.
Marián Ferreiro foi a encargada de realizar un repaso pola vida de Julia Rodríguez, que traballou na escola de Domirón ata a súa xubilación e viviu en primeira persoa as tarefas de coordinación coa escola da Faísca para organizar actividades conxuntas -festas, excursións…-. A homenaxeada foi unha das persoas que participou activamente na constitución do Colexio Rural Agrupado de Narón (CRA), no que foi toda unha aposta por manter activas as escolas rurais do termo municipal naronés.
A súa implicación coa cidade foi máis alá e, tal e como recordou a alcaldesa, Julia Rodríguez tamén impartiu como voluntaria clases de español a persoas inmigrantes na parroquia de San Xosé Obreiro (Alto do Castiñeiro). Mantivo durante ese período un vínculo especial co alumnado, contribuíndo á súa plena integración na sociedade e tamén na súa vida, acudindo con eles ao cine, excursións, axudándoos a realizar trámites administrativos… Así mesmo, a homenaxeada “implicouse nos movementos feministas organizados na comarca, traballando en equipo e contaxiando a súa ledicia e entusiasmo, o que fixo que gardemos un moi bo recordo do seu labor profesional e da súa implicación persoal nas diferentes causas”, indicou Ferreiro.
Trala sorpresa inicial e moi emocionada, a homenaxeada recibiu de mans da alcaldesa unha réplica da escultura “Anduriña” (cuxo orixinal se pode ver na Praza da Gándara), do escultor luso Manuel Patinha –Fillo Adoptivo de Narón desde o ano 2016- en recordo deste nomeamento. A maiores, levou unha copia da acta na que se recolle o nomeamento, un ramo de flores e entradas para a Cea da Muller organizada con motivo do 8-M que terá lugar o venres 27 de marzo, ás 21.30 horas, no restaurante Casa Becerra. Esta cea é aberta á asistencia das mulleres que o desexen, que teñen que comprar os tickets previamente no propio restaurante.
O público asistente aplaudiu a Julia Rodríguez, que asegurou que “viña a unha reunión e isto é un sorpresón”. A homenaxeada recoñeceu estar “moi emocionada” e, entre lágrimas e os aplausos dos asistentes, agradeceu este acto. “Recoñecedes o meu traballo e en realidade para min foi unha pasión e ilusión e tratei de desfrutalo sempre, sendo a veces unha aventura, como o tema do CRA que comentabas, por donde pasaron os pais, os fillos e agora os netos”, asegurou. Rodríguez tivo tamén palabras de agradecemento para súa familia e as súas compañeiras e amigas. “Os homes e as mulleres coas que tratei formaron parte dunha sociedade máis igualitaria e agora, falando de educación, paréceme un pilar para que progresemos e acórdome moito da miña nai, que foi a miña mestra de vida, de Juan, dos meus fillos que son tamén mestres, das miñas amigas e de todas as mulleres que traballan día a día para que a sociedade sexa diferente e boa”, recalcou. Finalmente aludiu ao seu orgullo de “ser muller, feliz, traballadora, mestra e, por suposto, naronesa”