O pavillón municipal Campo da Serra acollerá esta fin de semana o Campionato galego de tenis de mesa nas categorías benxamín e xuvenil

Presentación do Campionato Galego de tenis de mesa | Concello de Narón

O pavillón Campo da Serra acollerá esta fin de semana, o sábado e o domingo, o Campionato galego de Tenis de mesa benxamín e xuvenil organizado polo Club Tenis de Mesa Narón en colaboración co Concello. O edil de Deportes, José Oreona, presentou o evento deportivo acompañado por Fernando Montero e Javier Couce, presidente e vogal, respectivamente, do citado club local. A cita reunirá a un centenar de participantes e desenvolverase entre as 9.30 e as 14.30 e pola tarde retomarase de 16.30 a 20.30 horas durante as dúas xornadas, tal e como avanzou Oreona.

Montero explicou que do Club Tenis de Mesa Narón participarán uns 25 xogadores e xogadoras, se ben os restantes procederán de entidades deportivas dos concellos da Coruña, Pontevedra, Santiago, Ourense, Mos, Meaño, Oroso, Vilalba, Cangas do Morrazo, Zas, Fisterra e Gondomar, entre outros. “Este ano organizouse por primeira vez con inscrición libre e tamén unha das novidades é que se retomará a proba de dobres mixtos”, asegurou Montero. O presidente do Club Tenis de Mesa Narón, que agradeceu a colaboración do Concello, subliñou que a desta fin de semana “é unha gran oportunidade para comprobar que o futuro do tenis de mesa está garantido porque goza de bo nivel e sobre todo con xogadoras de gran nivel, con menores de 7 e 8 anos xogando e tamén os da categoría xuvenil”. Así mesmo, destacou a dispoñibilidade do Concello de Narón “que nos últimos catro anos está facendo practicamente a totalidade dos campionatos galegos e é moi gratificante chegar ao Concello cunha proposta e aos dous segundos ter o visto bó para facelo”.

Pola súa parte, Oreona felicitou ao club naronés polo traballo que realiza en xeral coas diferentes categorías e especialmente coa base, e tamén pola tempada que están realizando. O edil animou á veciñanza a acudir a esta cita deportiva na cidade e instou ao club a “dar un paso máis e organizar un campionato de España na cidade, para o que contarán tamén coa colaboración do Concello”.

Lea también

Tres puntos muy luchados para el Valdetires Ferrol en Cáceres

Hasta casi el último segundo tuvo que sufrir el Valdetires Ferrol para conseguir la victoria …