Os alumnos de 1º e 2º de primaria do CEE Terra de Ferrol recolleron o premio «Nós tamén creamos!»

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG, Rosa Vilas, participaron na mañá deste venres, no Pazo de San Roque, no acto de entrega dos Premios a curtas de animación en galego Nós tamén creamos!, organizados pola Xunta de Galicia en colaboración coa CRTVG e con OQAeditora e que chegan con esta á súa oitava edición.

Valentín García agradeceu o traballo dos docentes e do alumnado que se implicou na realización dos proxectos gañadores, así como dos restantes participantes no certame e recordou que “o máis importante deste premio non é o acto de hoxe, senón todos eses meses en que profesores e estudantes traballastes xuntos nas vosas curtas, un proxecto ilusionante que vos permitiu expresar a vosa creatividade empregando a lingua galega e descubrir que en galego podedes gozar dos libros, da tele, do cine e de calquera soporte en que se poidan contar historias, e que podedes facelo como receptores, pero tamén como creadores”.

Xunto con Valentín García e Rosa Vilas participaron na entrega o subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Juan Carlos Varela, e o responsable da área audiovisual de OQOeditora, Borja Guerrero.

Presentaron o acto os coñecidos Bolechas que, finalizada a entrega de premios, desenvolveron unha actividade de dinamización lingüística para os cativos e cativas asistentes.

VIII edición

Os premios Nós tamén creamos! son uns galardóns que convocan, no marco do programa de dinamización lingüística homónimo, a Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración coa Compañía Radio e Televisión de Galicia e con OQOeditora.

Nesta oitava edición, fixéronse cos premios o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, que gañou na categoría de educación infantil coa curta «Cantas pingas na cidade«; o Centro de Educación Especial CEE Terra de Ferrol, que se fixo co galardón na categoría de 1º e 2º de primaria con «Andrés Cabeza Abaixo«; e o CEIP Poeta Avelino Díaz, que se impuxo na de 3º e 4º de educación primaria coa proposta «Maruxa«.

 

 

Lea también

El Concello de Ferrol aprueba las bases de fomento de la cultura de 2025

Este lunes la junta de gobierno local ha dado el visto bueno a la aprobación …