O Concello de Ferrol, a través da concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, vén de rematar o prego de prescricións técnicas para o novo contrato de axuda no fogar, que a partir da súa aprobación no pleno prestarase nun único lote. Despois de que a concellería recibise as achegas dos grupos da oposición, das que máis do 50 % foron incorporadas, a edil explicou esta mañá que o prego xa está rematado e hoxe mesmo enviouse ao departamento de Contratación para que inclúa o prego de cláusulas administrativas. Posteriormente o expediente terá que aprobarse en pleno.
Trátase dun contrato “ambicioso” e “moi competitivo”, explicou Martínez Montero, que pretende “mellorar substancialmente a prestación do servizo actual”. Por elo o seu prezo de licitación é de case 5,5 millóns de euros ao ano, o que supón 2,6 millóns máis do que se gastaba ata agora.
O prego do novo contrato, sen revisar desde o ano 2014, permitirá atender a un mínimo de 87 usuarios máis (grado 3). A concelleira destacou o aumento significativo do prezo da hora de servicio, que pasa de entre 12 e 14,40 euros (dos dous lotes do presente contrato) a case 20 euros, o que “significa unha importante mellora na prestación do servizo e na súa xestión” ao aglutinar o servizo de dependencia e o de libre concorrencia nun único contrato e lote.
Martínez Montero tamén presentou a moción que o grupo municipal socialista levará mañá ao pleno sobre o finanzamento das entidades locais na presentación do servizo de axuda no fogar, na que se solicita que a Xunta e o goberno central asuman o custo dunha competencia que lle é propia ou, cando menos, doten aos concellos das cantidades orzamentarias suficientes para facerlles fronte, chegando como mínimo á aportación que fai a Deputación da Coruña, que ascende a 12 euros. A moción tamén recolle instar á Xunta a negociar e aprobar cos concellos, a través da Fegamp, un sistema de financiamento xusto e acorde coas condicións laborais do ano 2020 que permita aos concellos manter e mellorar o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar.