Celebrouse en Narón un acto con motivo do Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto

O alcalde accidental de Narón, Guillermo Sánchez Fojo, presidiu na mañá deste luns, no salón de Plenos do Concello, o acto institucional de acendido de velas en recordo das vítimas do Holocausto, que se conmemora cada 27 de xaneiro, iniciativa na que participaron 25 alumnas e alumnos de cuarto curso de ESO do colexio Ayala e 18 de Bacharelato do IES As Telleiras, centros de ensino da cidade.

A este acto asistiron tamén a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, o presidente da Asociación Memoria Histórica Democrática, Manuel Fernández Pita, o historiador Enrique Barrera Beitia, representantes dos grupos políticos municipais, outros membros da corporación e profesorado dos centros de ensino. Así mesmo no acto participaron dous músicos da Asociación Cultural Musical Sementeira.

Previamente, ás 11.00 horas na Biblioteca municipal, o alumnado participou nunha visita guiada á exposición “Galegos en Mauthausen”, na que estiveron acompañados por representantes do goberno local e representantes da Asociación Memoria Histórica Democrática.

Fojo agradeceu o labor que realiza a Asociación Memoria Histórica Democrática e a participación dos centros de ensino da cidade nestes actos e convidou ás veciñas e veciños de Narón e comarca a visitar a mostra que permanece exposta nos baixos da Biblioteca municipal porque “é unha parte da historia que non debemos esquecer e un xeito de renderlle homenaxe ás vítimas do holocausto entre as que había persoas da nosa comarca”

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …