Entregaron en Narón os diplomas do Programa Municipal de Formación e de cursos Cemit rematados o pasado ano

Un total de 258 alumnas e alumnos de cursos do Programa Municipal de Formación 2019 e outros impartidos na Aula Cemit de Xuvia –no último trimestre do pasado ano- estaban este martes citados no Auditorio municipal de Narón para recoller os diplomas acreditativos de que completaron con éxito as accións formativas nas que participaron. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Formación, Natalia Hermida, entregaron na mañá deste martes os diplomas dun total dun total de vinte e un cursos.

En canto ao Programa Municipal de Formación entregáronse os diplomas correspondentes ás accións formativas de: Prevención de Riscos Laborais (nivel básico); Prevención de Riscos Laborais no sector naval e Medio Ambiente no sector naval; Operador/a carretilleiro e operador/a PEMP (UNEs); Prevención de Riscos Laborais traballos en altura e espazos confinados; Preparación competencias clave nivel 2; Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos; Primeiros auxilios (nivel básico); Peixería; Limpeza hoteleira; Electricidade básica; Reposición, caixa e atención seccións supermercados; Xardinería e poda; Soldadura con electrodo e TIG; Atención ao público, liderato e venda e Xestión administrativa de Pemes. “En total foron dezaséis accións formativas, contado todas as edicións, que supuxeron preto de 3.000 horas de formación entre os meses de abril e decembro do pasado ano e dirixidas a persoas desempregadas e empadroadas no Concello de Narón”, recordou Ferreiro.

En canto á formación impartida no último trimestre do ano na Aula Cemit de Xuvia, procedeuse tamén á entrega de 60 diplomas dos cursos: Iniciación tratamento de textos; Iniciación follas de cálculo; Iniciación bases de datos; Internet e correo electrónico e Presentacións gráficas. De cada unha destas convocatorias, tal e como recordou a alcaldesa, “realizouse unha edición, entre os meses de outubro e decembro, e que supuxeron 248 horas de formación tamén dirixidas a veciñas e veciños da nosa comarca”.

A edil de Formación avanzou que para este ano concedéronse catro cursos AFD ao Concello a través da Xunta de Galicia e tamén o Programa Integrado para o Emprego, dirixido a cen mulleres e no que participan 51 persoas de Narón e tamén mulleres doutros concellos da comarca integrados na Mancomunidade de Concellos de Ferrol. A maiores, apuntou Hermida, terán lugar accións formativas de formación transversal e ocupacional, enmarcadas no Programa Municipal de Formación, no que a partir do próximo mes de febreiro se irán convocando as accións formativas.

Así mesmo, dende o goberno local explicouse que a partir do vindeiro mes de xullo se reforzará o servizo de intermediación laboral con máis persoal técnico.

Finalmente, a alcaldesa da cidade e a concelleira de Formación felicitaron a todas as persoas que remataron con éxito as diferentes accións formativas. Ferreiro destacou a aposta do Concello por esta área, anunciando que «este mesmo ano se prevén impartir unhas 6.000 horas de formación a través dos cursos AFD, e dos do Programa Municipal de Formación, nos que participarán veciñas e veciños da cidade”. A rexedora local animou tamén á cidadanía a acudir ao Concello para recibir información e asesoramento sobre os recursos dispoñibles nesta área e recalcou o feito de que o goberno local continuará apostando pola área de Formación e investindo nesta materia “co fin de ofrecer, como vimos facendo nos últimos anos, un completo programa formativo dirixido ás nosas veciñas e veciños para a mellora da empregabilidade e facilitar a inserción laboral das persoas desempregadas”

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …