O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, decretou onte á tarde a reapertura do Centro Cívico de Caranza unha vez que as deficiencias existentes na cuberta do edificio foron reparadas. Os traballos contratados de urxencia o pasado 27 de novembro pola concellería de Obras, que dirixe a edil Ana Lamas, consistiron nareparación da cuberta de zinc, a cuberta plana e a cuberta do salón de actos para evitar a entrada de auga no edificio. O seu presuposto foi de 12.328,87 euros.
A falta dalgúns detalles para a súa conclusión, estas instalacións municipais volven estar en condicións de acoller os servizos habituais, de xeito que o próximo luns, segundo explicou Golpe, os traballadores da unidade de Benestar Social e demais persoal do Concello regresarán aos seus postos tras ser trasladados provisionalmente a outras sedes municipais. Tamén a asociación de veciños poderá desenvolver de novo a súa actividade.