O Concello de Narón acolleu o acto de entrega das dúas primeiras cestas sorteadas este ano no marco da campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”. Pablo Rivera e José Teijeiro recibiron o agasallo de mans do edil de Promoción Económica, David Pita, que os felicitou tras ser agraciados no sorteo celebrado o pasado venres nos establecementos Bike Works e Parafamacia Veterinaria Andoriña, adheridos á citada campaña municipal. Os dous premiados residen no municipio naronés, Pablo Rivera na zona do Alto e José Teijeiro en Santa Icía, polo que nesta ocasión as dúas cestas, que no interior contiñan diversos produtos de Nadal valorados en 150 euros -cada cesta- son para veciños da cidade.
A maiores das dúas cestas entregadas a vindeira semana, o luns día 30, entregaranse outras dúas. Así mesmo, nesta mesma campaña procederase a sortear catro vales de compra, dous por importe de 500 euros e outros dous de 300. A entrega dos vales está prevista para o 13 de xaneiro e as persoas agraciadas cos mesmos deberán gastalos en alomenos tres dos establecementos comerciais adheridos a esta campaña, máis dun centenar.
O concelleiro de Promoción Económica animou ás persoas interesadas en participar nestes sorteos aínda pendentes a realizar as súas compras estes días nos establecementos da cidade adheridos a esta iniciativa, que están debidamente identificados no exterior e dispoñen de urnas no interior nas que depositar as papeletas que lles entregan coas súas compras para poder participar nos sorteos. A campaña, na que participan máis dun cento de establecementos do municipio, rematará o vindeiro 5 de xaneiro.
O Concello organiza a campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”, en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón, que porá en marcha do 26 ao 29 deste mes o Navitren. Pita destacou a gran variedade de produtos que se poden adquirir nos pequenos comercios da localidade, incidindo na súa calidade, e agradeceu a implicación de todos os establecementos adheridos e a colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón.