A comisión informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos celebrada hoxe acordou propoñer no pleno do próximo xoves aprobar a modificación da composición da Mesa Local de Comercio de Ferrol e a designación dos novos membros representantes do Concello. Os cambios no tecido asociativo da cidade, coa desaparición de asociacións comerciais tradicionais e a constitución doutras novas, e a constitución da nova corporación municipal motivan modificar a composición do órgano de participación, coordinación e colaboración entre a administración local e os axentes representativos do sector comercial.
Deste modo, a concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, propoñerá que a Mesa Local de Comercio de Ferrol estea integrada por representantes das asociacións ACOF Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena, Asociación de Empresarios, Comerciantes e Hostaleiros de Catabois, a Asociación Multisectorial Ultramar Village, a Asociación Profesional de Vendedores de las Casas Baratas, a Asociación de Vendedores do Mercado da Magdalena, a Asociación de Vendedores do Mercado de Caranza, a Asociación de Hostalería, Comercio e Profesionais do Barrio de Canido e a Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de Ferrol.
A proposta inclúe tamén oito representantes do Concello de Ferrol, co alcalde, Ángel Mato, como presidente. Séguenlle os vocais María Teresa Deus como representante do grupo municipal do PSOE; Martina Aneiros (PP), Iván Rivas (BNG), Jorge Suárez (FeC) e tres técnicos municipais. A composición da Mesa Local tamén contará co secretario do Concello e un representante da administración autonómica.
Integración na Asociación de Concellos do Camiño Inglés
Na comisión tamén se aprobou levar a pleno que o Concello de Ferrol forme parte da Asociación de Concellos do Camiño Inglés da Deputación da Coruña, unha entidade na que poden formar parte todos os municipios polos que transcorre o percorrido xacobeo e que ten entre os seus fins o de “unir esforzos para a promoción e desenvolvemento turístico deste recurso así como a defensa e mellora do seu patrimonio natural e histórico-artístico”, segundo explicou a concelleira María Teresa Deus.