A proposta para o POS 2020 inclúe a reparación da avenida de Esteiro e melloras na seguridade da de Vigo

O goberno municipal trasladoulle esta mañá á Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación a proposta de participación do Concello no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan Único de Concellos) POS 2020. O orzamento total de 339.544,85 euros comprende 274.659,19 da achega do 2020 e 64.885,66 da do 2019. No capítulo de inversións inclúense as obras de aglomerado de subida da Regueira, camiño do Pincho e camiño de Coto-Penada Cancela-As Malvas (31.868,98), tamén as de aglomerado dos camiños do Castro-A Fonte, da subida da Fonte e da Escola (41.336,69), aglomerado da estrada Papoi- Mandiá (174.953,42), e, finalmente, o aglomerado nos camiños do Buíl e da Cruz e na rúa das Lousas (59.982,70 euros). Por outra banda, 4.902,96 euros destinaranse a financiamento do pago a provedores.

O departamento de Obras, pertencente á área de goberno da concelleira Ana Lamas, tamén trasladou á comisión a proposta de aprobación do Plan Complementario do 2020, no que se inclúen varios investimentos financeiramente sostibles (cun mínimo do 50 % do total de achega e préstamo provincial asignado). Son os seguintes: a reparación e substitución do espazo pechado pola galería grande na Asociación de Veciños da Graña (109.839,23 euros), os traballos de aglomerado na avenida de Esteiro (243.982,16), o aglomerado na estrada da Cova (119.258,14) e as melloras na seguridade peonil na avenida de Vigo (108.756,78).

Tamén dentro da concellería de Ana Lamas, presentouse a proposta do departamento de Servizos para a aceptación polo Concello das condicións e prescricións formuladas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica polas que se outorgaría a concesión de ocupación dunha superficie de 2.144,20 metros cadrados de superficie de dominio público marítimo-terrestre co fin de que se destinen ás obras do saneamento da Malata.

Ambalasdúas propostas serán sometidas ao pleno extraordinario que se celebrará o próximo martes, 17 de decembro, a partir das 9.00 horas.

Lea también

Inauguración de la jornada Ferrol, motor de proyectos transformadores con impacto

El teniente alcalde de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, participó en la mañana de este jueves …