O pavillón polideportivo da Gándara acollerá os días 21 e 22 deste mes o “I Torneo solidario Cidade de Narón” de fútbol sala. O concelleiro de Deportes, José Oreona, presentou esta mañá o evento, acompañado por Manuel Mesa, delegado en Ferrolterra da Real Federación Galega de Fútbol, José Manuel González e Alberto Pereiro, presidente e secretario, respectivamente, da asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, organizadora do evento. O edil naronés agradeceu o traballo que a entidade ao longo do ano e animou á veciñanza a acudir ao partido e colaborar neste evento solidario entregando a modo de entrada un mínimo dun quilo de alimentos non perecedoiros. Oreona destacou ademais a colaboración da Federación Galega de Fútbol neste evento.
Persoal da Área sanitaria de Ferrol, do SPEIS de Narón, da Policía Local de Narón e edís e funcionariado do Concello naronés xogarán os diferentes partidos. O sábado día 21 a primeira cita será ás 10.30 horas, entre os equipos da Área sanitaria de Ferrol e concelleiros/as e funcionarios/as e a segunda a partir das 11.45 entre os do SPEIS e a Policía Local. Na xornada do domingo 22 ás mesmas horas darán comezo, respectivamente, os partidos de semifinais e a final.
O presidente do Centro de Recursos Solidarios de Narón tamén valorou a colaboración prestada polo Concello e a RFGF e todas as persoas que se involucraron nesta proposta. González animou tamén á asistencia “para dar visibilidade ao traballo que se realiza no centro todo o ano e recadar algo de alimentos para estas datas, que sempre son precisos, e para o resto do ano”. Ao respecto Oreona explicou que no pavillón polideportivo da Gándara permanece instalado dende hoxe unha cesta de grandes dimensións para que as persoas que poidan colaboren doando alimentos non perecedoiros.
Manuel Mesa agradeceu a oportunidade de colaborar neste evento a través da RFGF e destacou o labor do colectivo arbitral da delegación de Ferrol e do seu delegad, Ignacio Martínez, “pola súa total colaboración dende o momento que se plantexou colaborar na arbitraxe”.