O edil de Promoción Económica do Concello de Narón, David Pita, presentou na mañá deste luns con María Yáñez e Alba Dopico, presidenta e secretaria, respectivamente, da Asociación de Comerciantes de Narón, unha nova edición da campaña “Comercio de Narón, en Nadal e sempre”, que se desenvolverá dende o vindeiro mércores, día 11, ata o 5 de xaneiro nos establecementos adscritos. A día de hoxe xa se sumaron a esta iniciativa un total de 103 establecementos locais, se ben tal e como indicou Pita, é posible inscribirse no período de vixencia da mesma, non sendo preciso formar parte da Asociación de Comerciantes de Narón. Para inscribirse, explicou o edil, débese tramitar a través da páxina web: www.comerciodenaron.com . “A través desta campaña dende o Concello apostamos por promocionar o pequeno comercio de Narón, cunha oferta de produtos moi variada e de moi boa calidade”, destacou, agradecendo a colaboración da Asociación de Comerciantes de Narón.
As persoas que realicen nestes días compras nos establecementos adheridos á iniciativa –que estarán debidamente sinalizados nas súas fachadas ou escaparates- recibirán unhas papeletas (en función do importe gastado) polas súas compras, que deberán cumprimentar cos seus datos persoais e depositar nas urnas que estarán nos citados establecementos, tal e como indicou o edil naronés. Optarán a un total de oito premios: dous vales de compra por valor de 500 euros cada un e outros dous de 300 euros que se deberán gastar en alomenos tres comercios adheridos á campaña; e entrarán no sorteo de catro cestas con produtos de Nadal valoradas en máis de 150 euros. As entregas dos vales de compra finais realizaranse no Concello de Narón e as persoas premiadas deberán gastalos durante medio día.
O Navitren
No marco desta iniciativa tamén se porá novamente en marcha o Navitren, que estará circulando dende o día 26 ata o 29 de decembro. As persoas que compren nos establecementos adheridos recibirán un ticket para viaxar de balde, se ben tamén se poderá subir ao Navitren pagando un euro.
As persoas que reciban os tickets deberán canxealos nunha taquilla (donde tamén se poderán adquirir) e que se instalará xunto á parada de bus localizada á altura da Praza de Galicia, na estrada de Castela, tal e como apuntou María Yáñez. O Navitren, con 25 prazas en cada viaxe, estará operativo de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas e o percorrido será dende as inmediacións do Concello ata a rotonda de Megasa e de volta ata a Ponte das Cabras para finalizar o traxecto, duns trinta minutos, xunto ao Concello.
Finalmente Pita animou á veciñanza a participar nesta campaña, concienciando á cidadanía sobre a importancia de consumir produtos do comercio local, de proximidade e que xera riqueza no propio Concello.