O Concello de Ferrol celebrou hoxe o tradicional acto institucional con motivo do aniversario da Constitución. Este ano, o invitado a pronunciar a conferencia foi o presidente da Sección Primeira da Audiencia Provincial, o maxistrado Ángel Judel Prieto. O alcalde, Ángel Mato, recibiuno no seu despacho antes da firma no libro de ouro e da entrega do agasallo institucional. Alí tamén puido reunirse cos voceiros dos grupos municipais.
Durante a recepción da corporación municipal no salón de sesións, á que asistiron autoridades civís e militares e representantes da sociedade ferrolá, o alcalde lembrou que o marco de estabilidade que a Carta Magna de 1978 lle proporcionou ao país fixo posible “unha prosperidade da que nunca antes gozaramos”. Mato destacou que o valor da Constitución reside no “esforzo por superar as diferenzas en favor do ben común” que moveu á sociedade da Transición. Por iso, chamou a “valorar todo o que nos une e desbotar o que nos poida afastar”.
Judel pronunciou a continuación a conferencia A Constitución, mañá, na que insistiu na vixencia dos valores do 78 neste “momento convulso que vivimos”, aínda que recoñeceu que “o pacto da Transición quebrou” neste século e é necesario repensalo. Referiuse aos grandes retos que afronta a nosa sociedade e que deberan ser recollidos nunha actualización da Constitución, pero lembrou que o problema do independentismo “núbrao todo”. No seu repaso aos momentos iniciais do texto constitucional, á situación política de España no impasse entre a morte de Franco e o 78, dixo que tocou dirimir “o vello dilema entre monarquía ou república”, ao que se contestou “democracia”.
Para Ángel Judel, chegou a hora de pensar nunha reforma da Constitución para que as novas xeracións poidan participar dela, “fundamentalmente os movementos que entón non estaban”, como son o ecoloxismo e o feminismo. O interesante sería, dixo, reformar “non o núcleo duro da Constitución”, senón outras cuestións, para que se puidesen volver votar en referendo.
Finalizada a conferencia, os asistentes foron convidados a un aperitivo no salón de recepcións do pazo municipal.