Marián Ferreiro entregou á triatleta Sara Guerrero o premio á Mellor Deportista de Narón na “XXXI Gala do Deporte”

Marián Ferreiro entregándolle a Sara Guerrero o premio a mellor deportista de Narón | Adán Puentes

Un milleiro de persoas déronse cita esta noite no Pazo da Cultura de Narón, donde ás 21.00 horas comezou a trixésimo primeira edición da Gala do Deporte de Narón. A triatleta Sara Guerrero Manso, da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, recibiu ao remate da Gala de mans da alcaldesa, Marián Ferreiro, o premio á “Mellor deportista de Narón do ano 2019”. Ferreiro estivo acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e outros representantes da corporación local, que tamén participaron no acto de entrega das distincións concedidas a deportistas naroneses en recoñecemento aos éxitos acadados na tempada 2018-2019 e tamén na entrega das mencións especiais a persoas e clubs da cidade.

A Banda do Garaxe, formación musical da Agrupación Cultural Musical Sementeira e integrada por mozas e mozos de Narón e comarca, amenizou a Gala do Deporte con cancións do seu repertorio. Así mesmo, proxectouse un vídeo deportivo correspondente á pasada tempada protagonizado polos clubs da cidade e sucedéronse, intercaladas coa entrega dos premios, exhibicións de Kick Boxing.

A Mellor deportista de Narón do ano 2019, Sara Guerrero Manso forma parte da Agrupación Deportiva Náutico Narón dende o ano 2015, suma a cuarta tempada becada no CAR de Madrid e compaxina a súa destacada traxectoria deportiva cos seus estudos, cursando actualmente cuarto de cirurxía Maxilofacial na Universidade Complutense de Madrid. Medalla de ouro na proba de acuatlón dos Xogos do Mediterráneo (Grecia), Medalla de bronce en relevos mixtos no Campionato de Europa sub 23 disputado en Valencia o pasado mes de agosto; cuarto posto no Campionato do Mundo de Acuatlón celebrado en Pontevedra en maio; Medalla de prata na Copa da Reina en Águilas (Murcia), tamén en maio; Medalla de prata sub 23 no Campionato de España de triatlón distancia olímpica que se celebrou en setembro na Coruña e segunda posición no “III Trishark Narón” celebrado en agosto forman parte dos seus éxitos deportivos. Así mesmo, formou parte da selección galega de triatlón que se proclamou subcampiona de España por Comunidades Autónomas que tivo lugar en Madrid o pasado xullo.

Sara Guerrero aproveitaba a súa intervención tras recoller o galardón para agradecer o seu clube o traballo e os ánimos recibidos nunha tempada compricada por culpa dunha lesión que a tivo apartada uns meses, como así o CAR da Blume de Madrid, onde reside actualmente, ademáis de animar a todos os deportistas a seguir pelexando polos seus obxetivos.

A alcaldesa da cidade destacou na súa intervención “o traballo, a dedicación e o esforzo diario dos deportistas de Narón e tamén o papel das súas familias, que dende un segundo plano brindan o seu máximo apoio nos trunfos e tamén nos momentos de derrota”. Ferreiro agradeceu o traballo dos clubs deportivos, do persoal directivo, adestradores e adestradoras e tamén do persoal do Padroado de Deportes. En canto aos deportistas da cidade, a alcaldesa asegurou que “sodes un exemplo e un referente para a nosa cidade, a vosa cidade, e levades o nome de Narón con orgullo aló por donde competides e demostrades con creces que a aposta que fixo, que fai e que continuará facendo o goberno local de Narón polo deporte non é en balde”. Sobre ese compromiso Ferreiro avanzou que o vindeiro ano se destinarán 1,2 millóns de euros do orzamento municipal á área de Deportes.

Finalmente, Ferreiro desexou aos deportistas naroneses “moitos éxitos na tempada que acaba de comezar” e trasladoulles “a miña máxima admiración pola vosa entrega e dedicación ao deporte”.

O concelleiro de Deportes, José Oreona, tivo tamén palabras de agradecemento para os representantes do tecido deportivo da cidade. En referencia aos deportistas, asegurou que “sodes unha xeración de rapazas e rapaces que sentides e vivides o deporte día a día con paixón e, dende o Concello, queremos celebrar con vós o resultado deste esforzo”. Oreona recordou o labor das Escolas Deportivas Municipais e felicitou aos premiados nesta nova edición da Gala do Deporte.

No transcurso da Gala nomeouse aos deportistas do ano nas modalidades de Atletismo, Automobilismo, Automodelismo, Baile deportivo e de competición, Baloncesto, Balonmán, Caza, Ciclismo, Colombofilia, Esgrima antiga, Fútbol, Fútbol sala, Golf, Kárate, Kick Boxing, Motociclismo, Natación, Natación artística, Pádel, Pesca, Piragüismo, Rallye slot, Remo, Silvestrismo, Tenis de Mesa, Tiro con arco, Tiro olímpico, Triatlón, Voleibol, Xadrez e Ximnasia rítmica.

Así mesmo, entregáronse tamén as Mencións Especiais á Mellor promesa: Malena Barro Casanova, do Club de Remo San Felipe; Mellor traxectoria deportiva, para Adrián Martínez Vara, do O Parrulo Ferrol; Mención Especial polos seus logros deportivos para o árbitro de fútbol Ricardo Landrove e Mellor adestrador para Adrián Vidal Fernández. Tamén se concederon distincións Polo traballo, dedicación deportiva e humana no Concello de Narón a María Romero García, do Club Atletismo Narón e a José Ramón Padín Freire, expresidente do club de fútbol Cidade de Narón, así como un premio ao Mellor Club á Sociedade Deportiva O Val.

A XXXI Gala do Deporte de Narón rematou coa entrega por parte da alcaldesa, Marián Ferreiro, do premio á “Mellor deportista de Narón do ano 2018” a Sara Guerrero Manso e cunha fotografía de familia no escenario do Pazo en recordo desta edición do evento.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …