O Padroado da Cultura de Narón programou un novo pase do espectáculo “Fariña”, para o sábado día 14 de decembro ás 17.30 horas e con entradas xa á venda. Os outros dous pases programados, para o venres 13 de decembro ás 20.30 e o sábado 14 ás 20.00 horas, están a piques de esgotar as entradas.
Esta obra é unha adaptación da novela de Nacho Carretero realizada polo dramaturgo naronés José Prieto e na que se aborda o tema do narcotráfico en Galicia a finais do século pasado. Xosé Antonio Touriñán, Marcos Pereiro, Cristina Iglesias, María Vázquez e Sergio Zarreta forman o elenco desta peza.
Os rapaces e veciños das vilas falan, mercan e consumen con soltura tabaco de batea e cobrarán vida da man dos actores deste espectáculo, que asumirán decenas de personaxes e vivirán diferentes situacións cun alcalde corrupto como protagonista, unha verbena e veciños de menor idade probando a mercancía a escondidas.
O prezo das entradas é de 22 euros no patio de butacas e de 18 euros nos anfiteatros, podendo adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado da Cultura de Narón: www.padroadodecultura.es