O alcalde apraza a decisión do pleno sobre a residencia de maiores do Bertón para poder analizar unha emenda do PP

Pleno de organización | Adán Puentes

O pleno ordinario celebrado non votou finalmente o punto 4 da orde do día, en relación á aprobación do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e o Concello de Ferrol para a cesión a título gratuíto dunha parcela e a construción nela dun centro de residencia de persoas maiores. O mesmo punto propoñía a aprobación do cambio de uso dotacional público e orde de mutación demanial a favor da Consellería de Política Social da parcela no Bertón. O voceiro do PP presentou no debate do punto unha emenda para cambiar a localización do centro e trasladarllo a O Boial. Ante a dificultade xurídica de votar a proposta popular, o alcalde retirou o punto da orde do día para analizar os termos da emenda antes de someter a decisión ao pleno da corporación.

Os primeiros puntos da orde do día foron a aprobación das actas das sesións anteriores correspondentes ás celebradas o 26 de setembro de 2019 (ordinario) e 15 de outubro de 2019 (tres extraordinarias) e dar conta das resolucións ditadas pola alcaldía e os seus delegados no período comprendido entre os días 16 de setembro de 2019 e 15 de outubro de 2019.

O punto 3, a proposta de aprobación do expediente de omisión de fiscalización previa da relación de facturas 31/2019, aprobouse con votos a favor dos grupos PSOE e Ferrol en Común (11) e a abstención de PP e BNG (14).

O punto 5, a proposta de aprobación da cancelación e devolución das garantías definitivas depositadas pola empresa Valoriza, Servicios a la Dependencia SL, debido á cesión dos contratos correspondentes ao lote 1 e lote 2 do “Servizo de Axuda no Fogar”, aprobouse cos votos a favor do PSOE, PP e FeC (23) e os votos en contra do BNG.

O punto 6, a proposta de aprobación do convenio entre o Ministerio de Interior, a través da Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, e o Concello de Ferrol para o cumprimento de penas de traballo en beneficio da comunidade, aprobouse cos votos a favor do PSOE, PP e FeC (23) e as abstencións do BNG.

Deuse conta no punto 7 das vítimas mortais por violencia de xénero dende o 1 de xaneiro ata o 22 de outubro de 2019.

No punto 8 aprobouse por unanimidade a Declaración Institucional do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A continuación, votouse o punto 9, unha moción do BNG en relación á campaña da Plataforma Vía Galega “Non emigramos. Expúlsannos”. Foi aprobada cos votos a favor do PSOE, FeC e BNG (13) e en contra do PP (12).

O punto 10, unha moción de FeC para a creación dunha mesa de traballo para o impulso e divulgación cultural de Ricardo Carvalho Calero, aprobouse por unanimidade. A continuación votouse o punto 11, unha moción do grupo de FeC para a construción dun aparcadoiro disuasorio en Canido. Foi aprobado cos votos a favor do PP (12) e FeC (3), as abstencións do BNG (2) e encontra os votos do PSOE (7).

Con esta votación, próxima á medianoite, interrompeuse a sesión, que continuará nunha data aínda por fixar.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …