O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e a tesoureira e o secretario da Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos, Laura Fernández e José García, respectivamente, presentaron na mañá deste luns no Concello de Narón o programa de actos do Samaín Trasancos, que terá lugar este xoves, día 31 no Centro Cívico Social da parroquia e nas súas inmediacións.
A partir das 17.00 horas haberá unha exposición das cabazas realizadas nos centros de ensino da cidade que participaron nun obradoiro que, ao igual que anos anteriores, se impulsou a través do Padroado da Cultura de Narón. Tamén ás 17.00 horas darán comezo uns obradoiros de cabazas e maquillaxe dirixidos a persoas de diferentes idades.
A música desta xornada festiva chegará ás 19.00 horas da man de Xoán Curiel, que interpretará “A Casa do Terror”: Neste concerto cóntase unha historia protagonizada por un grupo de amigos e amigas que teñen que durmir nunha casa encantada e donde vivirán terroríficas historias, á par que divertidas.
Posteriormente, sobre as 20.30 iniciarase en San Mateo a tradicional “Comitiva de Luces e Tebras”, que consiste nun percorrido de aproximadamente un quilómetro e medio polas inmediacións do Centro Cívico Social da parroquia. No mesmo poderán participar todas as persoas que o desexen, portando candeas para alumear na escuridade o camiño que percorrerán pola zona na noite do Samaín.
Unha vez rematada a “Comitiva de Luces e Tebras”, sobre as 21.00 horas, será o turno do “Obradoiro do Medo”, que un ano máis se desenvolverá nas instalacións do CRA de San Mateo. As persoas que se acheguen ata alí terán a oportunidade de vivir unha serie de experiencias tenebrosas, propias desta xornada do Samaín.
Finalmente, o grupo de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón pechará o programa, sobre as 21.15 horas, interpretando varias pezas de música tradicional.
As persoas que acudan ao Samaín de San Mateo tamén poderán degustar, a un prezo simbólico dun euro, racións de caldo elaborado por veciñas e veciños da parroquia, acompañado de liscos, pan e bebidas.
Dende a Agrupación Veciñal San Mateo de Trasancos agradeceron a colaboración prestada dende o Concello para poder organizar este programa. Así mesmo, o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, destacou o traballo que realiza a entidade por manter vivas tradicións como a do Samaín e animou á veciñanza a acudir a esta cita “unha das máis festexadas na parroquia de San Mateo e que cada ano reúne a preto de medio milleiro de persoas”