O Concello de Ferrol quere dar un paso máis no seu compromiso cos maiores da cidade. Por elo, a concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, proponse “revitalizar” a oficina de voluntariado co obxectivo de aumentar o número de persoas dispostas a empregar parte do seu tempo a outros veciños, polo que acaba de iniciar unha campaña de captación de voluntarios. Neste caso, a intención é incrementar o número de acompañantes a persoas de maior idade, pero a intención da concellería é poñer en marcha outro tipo de programas nos que sexa necesaria a participación de voluntarios, polo que a edil anima a todas aquelas persoas que queiran regalar parte do seu tempo a outros ferroláns a acudir á Casa Solidaria (rúa Velázquez, 44) para obter máis información.
O obxectivo, segundo explicou a concelleira, é “mellorar o día a día dos maiores de Ferrol” e “reducir o tempo que pasan en soidade”. O servicio de voluntariado xa está en funcionamento e actualmente conta con 25 persoas.
Charla informativa no local social de Covas
O servicio de acompañamento é un dos que engloba a campaña municipal Independencia + Tranquilidade, que o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou xunto á concelleira o pasado mes de setembro. O outro, de teleasistencia, préstase en colaboración con Cruz Vermella. Para informar aos veciños dos detalles da dita campaña a concellería de Benestar Social ven realizando unha serie de charlasinformativas en asociacións veciñais da cidade. A próxima terá lugar o mércores 30 de outubro, ás 19 horas, no local social de Covas.