Un total de 13 parellas tomarán parte este sábado 26 de outubro no XVII Campionato de Surfcasting por parellas que se celebrará na praia da Frouxeira. Organizado pola Peña O Rodaballo, a cita conta coa colaboración do Concello de Valdoviño, que patrocina ademais dous trofeos para os dous mellores clasificados empadroados no municipio.
Dende a organización, sinálase que na competición desta modalidade de pesca deportiva dende a beira da praia haberá dúas mangas. A primeira, de 17 a 20 horas. Seguiralle unha hora de descanso e, ás 21 horas, arrancará a segunda manga. Ata as 24 horas. Parada entón para cear e, ao remate, celebrarase a entrega de trofeos. Amais dos sinalados, haberá trofeos para as cinco primeiras parellas clasificadas, para a que capture a peza maior e para a que se faga co maior número de pezas.