O Concello de Narón impulsa novas actividades para promocionar o sector hostaleiro e a gastronomía local

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, presentou na mañá deste xoves as novas actividades de promoción do sector hostaleiro e os produtos gastronómicos locais que se levarán a cabo a través do Club Narón Gastronómico.

A primeira das citas terá lugar o vindeiro martes, día 29, e consistirá no ObradoiroProdutos da Ría: Mariscos’, para o que están inscritos arredor de 15 responsables de cociña de distintos establecementos naroneses. Este obradoiro práctico permitirá, tal e como explicou Pita, “ofrecer a mellor imaxe posible do sector, dotando aos profesionais dos coñecementos teóricos e prácticos necesarios para ampliar a oferta gastronómica dos seus establecementos, incluíndo os excelentes produtos da ría”.

O obradoiro abranguerá dúas horas e media de formación nunha sesión de 17.30 a 20.00 horas e celebrarase no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Miguel Ángel Campos, presidente do Grupo Nove, cociñeiro e propietario do restaurante A Gabeira, establecemento con 1 Sol Repsol e incluído na prestixiosa Guía Michelin entre os Bib Gourmand dende 2018. Os obxectivos do obradoiro son, según destacou o edil de Promoción Económica, “mellorar a calidade gastronómica dos negocios de restauración, modernizar a cociña local, promover a especialización na elaboración de determinadas receitas con mariscos da ría por parte de cada un dos establecementos participantes e asesoralos de cara á inclusión destas e outras propostas semellantes nos seus menús, enriquecendo a súa carta”.

Xornadas do marisco da ría

A seguinte acción a desenvolver son as segundas Xornadas do Marisco da Ría, “Os sabores da Ría no prato”, convocadas logo da exitosa experiencia iniciada o pasado ano. En palabras do edil David Pita, “temos unha ría moi rica en especies comerciais de gran calidade. Estamos empeñados en poñer en valor as nosas potencialidades e para iso, é imprescindible artellar as accións en estreita colaboración co sector hostaleiro naronés, cun alto grao de participación nas diferentes actividades propostas por parte da institución local, como concursos e rutas de tapas, actividades formativas, xornadas gastronómicas, festas de exaltación de produtos, entre outras”.

As segundas Xornadas do Marisco desenvolveranse de xoves a domingo, do 14 ao 17 de novembro e do 21 ao 24 de novembro e a súa finalidade é a de axuntar a oferta, a produción e a calidade dos produtos da ría, cos puntos de consumo máis importantes que, neste caso, constitúen os establecementos de hostalería do concello de Narón que se sumaron a esta iniciativa. Os produtos protagonistas serían, como no caso da edición do pasado ano, cinco especies de marisco dunha calidade extraordinaria que se poderán degustar en formato tapa, menú ou ración, dependendo da tipoloxía do establecemento: ostra salvaxe, zamburiña, ameixa rubia, mincha e carneiro.

Cociña en vivo

Finalmente, e como colofón a esta campaña de difusión da riqueza dos produtos gastronómicos e do sector hostaleiro da cidade, terá lugar unha sesión de “cociña en vivo” o venres, 29 de novembro a partir das 19.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar aforo e con degustación. O showcooking “Creacións con marisco a 4 mans” estará protagonizado polos mariscos da nosa ría, de calidade extraordinaria, versionados nesta ocasión por Beatriz Sotelo e Iñaki Bretal, dous influíntes cociñeiros galegos que aportarán a súa creatividade e a impronta propia dos seus territorios de orixe, contrapoñendo o xeito de preparar o marisco no norte e no sur de Galicia.

 

 

 

 

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …