Uns 2.400 escolares de Narón e comarca asistirán esta semana ás funcións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

Elefante elegante

Preto de 2.400 escolares de Narón e comarca desprazaranse esta semana ao Pazo da Cultura para presenciar as representacións programadas no marco da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura, que comezou a pasada semana. A compañía Elefante Elegante encargarase das seis función que se desenvolverán entre este martes e o xoves –dúas por día- para representar a obra “Patapatúm”.

Este martes

Na xornada deste martes será o turno de alumnado de primeiro a cuarto de Primaria dos colexios Santiago Apóstol de Narón, e dos centros San Isidro e Maciñeira, de Neda; Os Casais e Centieiras de Fene e Santiago Apóstol de Franza, un total de 351 rapazas e rapaces que acudirán á sesión das 10.00 horas. Ás 12.00 horas será o turno de 417 escolares de primeiro a cuarto de Primaria dos colexios do Feal, de Narón; As Mirandas, de Ares; O Ramo, de Barallobre; A Laxe, de Ferrol e Eladia Mariño, de Pontedeume.

O mércores

O mércores día 23 ás 10.00 horas acudirán á Mostra 391 alumnas e alumnos dos colexios da Gándara, de Narón, e Isaac Peral, de Ferrol, e á función das 12.00 asistirán 416 escolares do colexio naronés Jorge Juan e dos centros Unión Mugardesa, de Mugardos; A Xunqueira, de Fene; San Ramón, de Moeche;  Ponzos e Manuel Masdías, de Ferrol, e Virxe da Cela, de Pontedeume.

O xoves

Por último, este xoves acudirán ás 10.00 horas un total de 401 alumnas e alumnos dos colexios Ponte de Xuvia, Piñeiros e Virxe do Mar, de Narón, e Juan de Lángara, de Ferrol e GOA San José de Pontedeume e ás 12.00 será o turno de 417 escolares dos centros de ensino naroneses da Solaina, CRA, Ayala e Santiago Apóstol.

29 e 30 de outubro

A “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura de Narón continuará o 29 e 30 deste mes no Pazo, coa representación de “Os fillos do sol”, da compañía Contraproducións para 1.145 alumnas e alumnos de terceiro e cuarto da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato.

En novembro e decembro

Os días 5, 6 e 7 de novembro terán lugar as representacións programadas para 1.773 escolares no Auditorio municipal, a cargo da compañía Ghazafelhos, que representará a obra “Acuario” para alumnado de educación Infantil de colexios de Narón e comarca.

No mes de decembro serán as representacións programadas nas tres escolas infantís municipais –A Gándara, A Solaina e Piñeiros- e na unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol de Narón, que nos seus propios centros verán o espectáculo “Redondo”, de Caramuxo Teatro.

En total, uns 8.000 alumnos e alumnas de centros de colexios de Narón e doutros concellos da comarca acudirán as representacións desta Mostra organizada polo Padroado da Cultura e na que colaboran a Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …