A corporación municipal ferrolá deu esta mañá cumprimento á irmandade con Mondoñedo coa asistencia do alcalde Ángel Mato, e oito concelleiros á feira das San Lucas. Polo grupo do PSdeG, acompañaron ao rexedor os edís Antonio Golpe, Eva Martínez Montero e Germán Costoya, e do grupo do PP acudiron o portavoz, José Manuel Rey, xunto con María del Carmen García, José Tomé, Ana Leira e María Elvira Miramontes.
A comitiva ferrolá foi recibida pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, e os membros da corporación que preside e a continuación, no salón de plenos do Concello, as asociacións culturais O Pasatempo e Amigos da Cidade de Mondoñedo entregáronlle o premio Mondoñedo Universal ao escritor e periodista Ramón Loureiro. A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz, que presentou a entrega, agradeceulle a Ángel Mato “facer posible de novo” o acto de irmandade entre Mondoñedo e Ferrol. Pola súa parte, Loureiro reivindicou “a Galicia do norte” coma unha unidade territorial e cultural.
Tamén Elena Candia celebrou a posibilidade de “recuperar” esa irmandade, polo que deu as grazas ao alcalde e a toda a corporación ferrolá. Mato, que comezou a súa intervención asegurando que supuña para el “unha honra” encabezar por primeira vez a delegación ferrolá nas San Lucas, reivindicou “a palabra” fronte á violencia porque, dixo, en momentos tan delicados como os que se están vivindo estes días, é “a mellor ferramenta política” para construír a sociedade. Tamén lembrou, do mesmo xeito que viña de facer Candia minutos antes, a preocupante situación que viven as comarcas do norte galego e insistiu en que reivindicará “ante todas as administracións” solucións axeitadas.
A visita institucional pechouse cun percorrido polas rúas da cidade, onde se estaba a celebrar a feira, ata o campo dos Paxariños para facer entrega dos premios do tradicional concurso de gando das San Lucas.