(Xosé Ferreiro) O Esteo pontés de fútbol sala conseguiu na noite deste martes unha histórica clasificación para a seguinte fase da Copa do Rei tras gañar ao Cidade de Narón por 3-2.
Debutaba históricamente o equipo pontés na décima edición deste torneo, gañado en seis ocasións polo FC Barcelona, dúas ElPozo de Murcia e unha Inter Movistar, os tres trasatlánticos, trala quinta praza lograda o ano pasado. Non confundir este evento coa Copa de España da LNFS que xogan dende hai 30 edicións os oito primeiros clasificados da primeira volta da Primeira División.
Conseguiron ventaxa no marcador os naroneses por medio do ex xogador local Bertito ampliada cun golazo polo escuadro do pívot Iván, aínda que Troncho, tras rematar con suspense dentro da área unha deixada de cabeza de Cokito recurtaba distancias antes do descanso.
Ao pouco do reinicio, centra Rober e Cokito marca de cabeza, entrando o balón tras petar no longueiro. Transcorreu o segundo período con ocasións para ambos equipos aínda que levou máis o peso do encontro o cadro local.
Faltando 14 segundos, tras un pase dende o lateral de Jhony, empala o ex xogador do cadro naronés Cokito ao fondo das mallas case sen ángulo desatando a euforia dos preto de 300 afeccionados, e sen que houbera aepnas tempo para máis.
Na vindeira ronda o cadro local xogará en teoría contra un dos equipos galegos da Segunda División, o Santiago, Noia, ou incluso o Burela, xa que a pesar de militar en Primeira División, conseguiu o ascenso na campaña pasada.
O Esteo: Javichu, Héctor, Rober, Jacobo, Cokito – Jhony, Matos, Troncho, Dani.
Cidade de Narón: Nico, Brais, Bertito, Diego, Mario – Chapu, Iván, Guille, Rubén, Niceto.
Goles: 0-1, Bertito (10´), 0-2, Iván (12´), 1-2, Troncho (17´). 2-2, Cokito (24´), 3-2, Cokito (40´).
Tarxetas: Jacobo, Héctor, Rober, Cokito, Chapu, Guille, Iván, Diego, Albes.
Incidencias: Pavillón de A Fraga. Uns 300 espectadores.