Máis de 7.500 escolares de Narón e comarca asistirán ás funcións da “XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil”

A trintena de funcións da trixésimo quinta edición da “Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil” do Padroado da Cultura darán comezo o vindeiro mércores, día 16. A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado, Marián Ferreiro, indicou que algo máis de 7.500 escolares de centros de Narón e comarca asistirán ás representacións teatrais que se desenvolverán entre este mes e decembro no Pazo da Cultura, no Auditorio municipal, nas tres escolas infantís municipais e na unidade de Preescolar do colexio Santiago Apóstol. A Deputación da Coruña e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran nesta Mostra na que actuarán cinco compañías.

“Trátase dunha proposta coa que un ano máis achegamos a cultura, neste caso a través do teatro, ás alumnas e alumnos de centros de ensino da nosa cidade e tamén doutros municipios, apostando tamén firmemente polo traballo que en materia de artes escénicas se está realizando en Galicia, representado nesta ocasión por cinco compañías”, asegurou Ferreiro.

Mes de outubro

A compañía Piedras de cartón será a encargada de inaugurar esta nova edición da Mostra de Teatro infantil e xuvenil, representando os días 16, 17 e 18 deste mes –ás 10.00 e s 12.00 horas- a obra “Lázaro de Tormes” no Pazo da Cultura. Alumnado de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo curso de ESO é o destinatario destas funcións, que terán lugar en horario de mañá. O día 16 acudirán escolares dos colexios da Solaina, IES Terra de Trasancos, Santiago Apóstol, O Feal e Jorge Juan, de Narón e tamén do Ramo e A Xunqueira, de Fene; do Eladia Mariño, de Pontedeume, e do Santiago Apóstol, de Franza.

Os días 22, 23 e 24 de outubro será o turno da compañía Elefante Elegante, que representará a obra “Patapatúm”, tamén no Pazo da Cultura, para alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria e nestas mesmas instalacións municipais representarase “Os fillos do sol”, a cargo da compañía Contraproducións os días 29 e 30 deste mes para alumnas e alumnos de terceiro e cuarto curso de ESO e de primeiro e segundo de Bacharelato.

En novembro

A XXXV Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil continuará no mes de novembro no Auditorio municipal, donde os días 5, 6 e 7 actuará a compañía Ghazafelhos, que representará “Acuario”. Acudirán un total de 1.773 alumnas e alumnos de educación Infantil de colexios de Narón e comarca.

Mes de decembro

No mes de decembro a Mostra de Teatro infantil e xuvenil do Padroado da Cultura de Narón chegará ás tres escolas infantís municipais –A Solaina, A Gándara e Piñeiros-, os días 10, 11 e 12, con dúas representacións en cada unha delas –ás 10.00 e ás 12.00 horas- a cargo da compañía Caramuxo Teatro, que representará a obra “Redondo”. O mesmo espectáculo poderao ver o día 13 de decembro o alumnado da unidade de Infantil do colexio Santiago Apóstol de Narón.

Os escolares pagan dous euros en concepto da entrada para ver estes espectáculos da Mostra, se ben o Concello de Narón corre cos gastos de desprazamento dos nenos e nenas matriculados en centros educativos da cidade. No caso das escolas infantís municipais da Gándara, A Solaina e Piñeiros e da unidade de Preescolar do Santiago Apóstol de Narón as representacións serán nos propios centros. Acudirán entre outubro e decembro escolares dos centros públicos e concertados de Narón e tamén doutros dos concellos de Ferrol, Fene, Neda, Ares, Mugardos e Pontedeume.

Marián Ferreiro destacou a importancia de “achegar as artes escénicas aos nenos e nenas, a través de iniciativas como esta Mostra teatral do Padroado da Cultura”. Así mesmo, a alcaldesa incidiu en que “ao mesmo tempo, constribuímos a difundir o excelente traballo que cinco compañías galegas están realizando no mundo do teatro, con espectáculos dirixidos neste caso a escolares de diferentes idades”.

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …