Narón conmemorou o Día Mundial da Saúde Mental coa lectura dun manifesto no Parque do Río Freixeiro

O Parque do Río Freixeiro acolleu na mañá deste  xoves, ás 10.00 horas, o acto de conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, organizado pola Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal en colaboración co Concello. O edil de Sanidade, Santiago Galego, e os portavoces de Terra Galega, Román Romero, e PSOE, David Pita, acompañaron aos representantes da entidade nesta xornada, na que tamén participaron o presidente e a directora da asociación, Félix Pena e Divina
Amenedo, respectivamente, o xefe de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol,
Antonio Núñez e preto de medio cento de usuarios e usuarias de Saúde Mental
Ferrol, Eume e Ortegal.

O presidente da asociación encargouse de presidir o acto, recordando que a celebración conta co apoio da Organización Mundial da Saúde e incidindo na necesidade de visibilizar a temática elixida para esta data, o suicidio. “Conect@ coa vida” é o lema desta campaña, a través da que, tal e como indicou Pena, se aposta por traballar nas áreas de prevención, detección, diagnose, tratamento e coidados dos problemas da saúde mental.

A continuación foi unha usuaria da asociación, Julia Pena, a encargada de ler unha parte da proclama conmemorativa do Día Mundial da Saúde Mental. No documento explícase que o suicidio é a principal causa externa de mortalidade en España e que Galicia “lamentablemente, está no máis alto da clasificación de suicidios, sendo a segunda comunidade autónoma con maior taxa de incidencia, superada só por Asturias”. No manifesto que leu Julia tamén se recalcaba que “previr os suicidios é posible”, asegurando que para acadar este obxectivo “é importante falar desta realidade, desterrar os falsos mitos que existen arredor dela e eliminar o tabú para que as persoas que se atopan en risco poidan buscar axuda”.

Finalmente, Félix Pena tomou de novo a palabra para urxir que o Plan de Prevención do Suicidio de Galicia “teña unha implementación real, efectiva e firme, estando á altura das necesidades que existen neste eido”.

No acto o xefe de Psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol asegurou que é preciso no área da saúde mental “un recoñecemento en igualdade de condicións que o resto de enfermidades e a prestación de apoio externo económico, recursos”. Reivindicou tamén Núñez “unha maior integración social” das persoas con este tipo de enfermidades, “unha liña na que avanzamos pero na que aínda quedan moitas cousas por facer porque non ten a misma consideración que outras problemáticas de saúde”.

Para rematar o acto, o concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, asegurou que dende o Concello “consideramos fundamental apoiar e, sobre todo, visibilizar e dar a coñecer a realidade do suicidio, o tema abordado este ano, traballando na súa prevención porque é un tema moi delicado e sensible”. Galego destacou o traballo que realiza a asociación e comprometeu o apoio do Concello de Narón para continuar avanzando nesta área.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …