O Concello de Narón colabora coa “I Carreira-andaina Corazón Acibro”

O concelleiro de Deportesde Narón, José Oreona, presentou na mañá deste martes a primeira edición da “Carreira e andaina Corazón Acibro”, organizada pola Asociación de Nais e Pais “Acibro” do colexio Jorge Juan de Xuvia. Á presentación asistiron tamén a directora do colexio Jorge Juan, María José Cazorla; o presidente da ANPA, Antonio Porto, e a presidenta da Asociación de Loita contra a violencia de xénero (Alvixe), Paloma Rodríguez. A cita, tal e como indicou o edil, terá lugar o vindeiro sábado, día 5, no paseo marítimo de Xuvia, e os beneficios das inscricións –que poden realizarse a través da web: www.carreirasgalegas.com- doaranse á asociación Alvixe, para a loita contra a violencia de xénero. O prezo das inscricións é de un euro –a modo de donativo- para as categorías de Biberóns,
Pitufos e Escolares e dous euros para o resto, podendo tamén realizarse doazóns a través do Dorsal 0, tanto na modalidade da carreira como na da andaina.

“Este evento é un proxecto educativo no que tratamos de implicar a toda a comunidade do colexio Jorge Juan de Xuvia programando unha actividade deportiva cun marcado carácter solidario”, explicaron. Dende a ANPA do colexio Jorge Juan agradeceron a colaboración do Concello, de Alvixe e do resto de entidades e empresas implicadas no evento. “Esperamos que esta carreira teña continuidade e que participe ademais de xente do colexio, calquera outra persoa que queira colaborar”, apuntou Porto.

A convocatoria consta dunha carreira de catro quilómetros e tamén carreiras para menores (categorías Escolares, Pitufos e Biberóns) para as que en total hai inscritas 115 persoas. No que respecta á andaina, os inscritos totais son 101, dos que 69 son da categoría de adultos e os 32 restantes da de menores. A cita dará comezo ás 10.30 horas, coa saída da carreira absoluta, de catro quilómetros e ás 10.33 está prevista a saída da andaina de adultos, de tres quilómetros. En canto ás categorías de Escolares
–con saídas ás 11.15; 11.25 e 11.40 horas- (de 2005 a 2012) os percorridos serán de 500 metros, un quilómetro e dous quilómetros, en función da idade, mentres que para os Pitufos, que partirán ás 12.00 horas, será de 150 metros (nados entre 2013 e 2016) e para Biberóns, con saída ás 12.15 horas, de 30 metros.

A entrega de premios está prevista ás 12.30 horas, con trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría e tamén premios ao gañador e gañadora da carreira absoluta, tal e como indicaron dende a organización.

A convocatoria inclúe a maiores unhas charlas o venres, día 4 a partir das 9.05 horas, no colexio Jorge Juan de Xuvia, nas que se falará sobre “Violencia? Non, grazas” e “Novas tecnoloxías. Ciberacoso”, que tal e como explicou a directora do colexio Jorge Juan impartirá persoal da Policía Nacional a alumnado de quinto e sexto e os catro cursos de Secundaria. “Ao longo do curso organizamos varias charlas e obradoiros no centro sobre esta temática e con este evento tamén apostamos por promover a actividade física, os hábitos de vida saudables e a solidariedade”, explicou Cazorla.

A presidenta de Alvixe felicitou á organización desta carreira e andaina “Corazón Acibro” “por tratar este tema conxugando as bases polas que hai que comezar, a prevención e a sensibilización social, sacando o problema á rúa porque este é un problema social e que temos que abordar entre todas e
todos”, subliñou Rodríguez. Así mesmo, avanzou que se impartirán charlas o
venres a partir das 12.00 horas a alumnado de Infantil e Primaria “para alertar
aos nenos sobre determinados tipos de comportamentos que hai que previr”.

No transcurso da “I Carreira e andaina Corazón Acibro” Alvixe instalará na zona
de saída un punto de información no que persoal da asociación explicará o traballo que realizan e os recursos que ofrece a entidade.

Finalmente, a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, felicitou aos organizadores da iniciativa e á asociación Alvixe por este evento e “pola visibilidade que lle dará á importancia da loita contra a violencia de xénero e tamén o ciberacoso”. A edil asegurou que dende o Concello “somos moi conscientes deste grave problema e por iso, levamos anos traballando con diferentes colectivos, entre eles os escolares, en materia de prevención e loita contra a violencia de xénero”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …