Algo máis de medio centenar de persoas participarán no “X Campionato de Tenis de mesa pola saúde mental”

Fernando Montero, José Oreona, Félix Pena, Catalina García e Paula Díaz en rolda de prensa | Concello de Narón

Os concelleiros de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron esta mañá con Félix Pena e Paula Díaz, presidente e terapeuta ocupacional, respectivamente da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, e co presidente do Club Narón Tenis de Mesa, Fernando Montero, a décima edición do “Campionato de Tenis de mesa pola saúde mental”. O evento, organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal en colaboración coa Federación Saude Mental Feafes Galicia, o Concello e o clube Narón Tenis de Mesa, terá lugar o vindeiro venres, día 20 no pavillón Campo da Serra a partir das 9.30 horas. No campionato participarán 58 persoas procedentes de oito asociacións de toda Galicia e entre os seus obxectivos están o de “promover a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado”.

Os participantes proveñen de asociacións e delegacións de Saúde Mental Feafes Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), Apem (Cee), Avelaíña (A Guarda), Doa (Vigo e Cangas), Saúde Mental Feafes Galicia (Vigo), e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón). Ao longo de toda a mañá, ata as 14.00 horas aproximadamente, os participantes xogarán partidos individuais e ao remate do mesmo haberá un xantar de convivencia.

A través deste evento apóstase tamén por “promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre o colectivo”, tal e como indicou Félix Pena. Mediante actividades como a que se desenvolverá este sábado na cidade, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal “amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatindo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade”, explicou. Así mesmo, dende a organización incidiron tamén en que as actividades de ocio e deporte que organizan “axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, ao romper os participantes coa súa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, socializarse e integrarse na sociedade, ao tempo que dan un respiro aos seus familiares na súa tarefa de coidadores”.

Pena agradeceu a colaboración do Concello de Narón e destacou a importancia de diversificar as actividades que se desenvolven dende a entidade. Pola súa parte, o presidente do Club Tenis de Mesa Narón recordou que este é o «terceiro ano consecutivo que colaboramos neste campionato e facémolo con moita ilusión porque é unha gran oportunidade para vivir a pureza do deporte por riba dos resultados”.

O concelleiro de Deportes naronés asegurou que dende o Concello “estamos moi orgullosos de que contárades con nós para colaborar neste evento” e amosou o “apoio a este tipo de iniciativas”, ao tempo que valorou tamén a colaboración prestada polo Club Tenis de Mesa Narón.

Así mesmo, a concelleira de Benestar Social animou á asociación naronesa a continuar impulsando este tipo de eventos deportivos na cidade. “É unha forma de integrarse, non só de facer exercicio, senón tamén de tratar de que a sociedade nos vexa a todos como persoas, coas nosas diversidades, e buscando o trato de igual a igual”. García e Oreona convidaron á cidadanía a acudir a esta cita deportiva o vindeiro venres, día 20.

Lea también

Un partido homenaje conmemora el 50 aniversario del fútbol sala en Ferrol

El concejal de Deportes, Ricardo Aldrey, presentó en el Ayuntamiento de Ferrol el primer acto …