“É unha excelentísima noticia”. Deste xeito se referiu o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, esta mañá á adxudicación a Navantia e Windar, por parte de Iberdrola, de todas as “jackets” do parque eólico de Saint Brieuc, en Francia. “Creo que Navantia debe seguir apostando non só pola construcción de barcos, senón tamén por diversificar a actividade”, respondeu o alcalde a preguntas da prensa.
Mato mostrouse “orgulloso” de que a empresa pública sexa unha referencia no mercado internacional de soportes desta tecnoloxía de xeración limpa e de que vaia “da man dunha gran compañía”. “Gustaríame que a aposta de Navantia fose unha aposta clara pola eólica mariña e que se puidesen investir máis recursos no desenvolvemento e innovación por parte de todas as administracións para que non quedemos só nesa parte e sigamos avanzando nunha tecnoloxía que ten futuro, que é limpa e que cada vez utilizan máis países”, abundou o rexedor. Tamén dixo estar “moi contento” porque este tipo de contratos xeran emprego “non só para Navantia, senón tamén para a industria auxiliar” de toda a comarca, que tanto os necesita.