Os lendarios milagres de san Nicolás de Tolentino en Pontedeume e o Voto

José Fonte Sardiña

Os lendarios milagres de san Nicolás de Tolentino en Pontedeume e o Voto. Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, oitavo señor de Pontedeume e segundo conde de Vilalba, “é unha das figuras de máis extraordinario relevo na historia de Galicia”, malia, como lamenta Couceiro Freijomil, o “inexplicable esquecemento no que os galegos tivemos a súa memoria”. Foi o único dos señores de Pontedeume que mandou ser enterrado na vila, consonte reza o seu testamento outorgado o trinta de agosto de 1540, “quando Dios Nuestro Señor fuere servido de me llevar desta presente vida, que mi cuerpo sea sepultado en la Yglesia de Santiago de la mi villa de la Puentedeume, en la mi Capilla Mayor de la dicha Yglesia”.

Nunha das súas nomeadas expedicións por terras italianas, que o fixeron merecente do título de príncipe de Caserta e das dezaoito bandeiras gañadas na batalla de Seminara que campan no seu escudo de armas, Fernando de Andrade, que chegou a ser tamén capitán xeneral de Galicia, tróuxolles aos frades do convento agostiño de Nosa Señora da Graza que fundara en Pontedeume unha reliquia dun santo da Orde con moita sona de milagreiro daquela en Italia, san Nicolás de Tolentino, e deixouna baixo a custodia do prior.

Refire a historia que un incendio asolou a vila de Pontedeume o día once de agosto de 1607 e a deixou, segundo o informe pedido polo gobernador e capitán xeneral de
Galicia don Diego das Mariñas, “toda queimada e abrasada, que parece que arderon máis de trescentas casas e con elas a igrexa maior […] e que o lume foi tal que non deixou en toda a dita vila máis ca dez ou doce casas pequenas, e a primeira vista puido observarse que algúns veciños pobres fixeron unhas choupaniñas de pouco durar e que se acollían nelas, e que os demais veciños saían ás aldeas da bisbarra e provisionalmente vivían alí”. O propio rei Filipe III (1598-1621) exime á vila de certos tributos o vinte e catro de setembro de 1609 para facerlle fronte á catástrofe. Así e todo, a lendaria tradición conta que, cando o lume xa fixera estragos, os frades agostiños decidiron arrebolarlle a reliquia de san Nicolás que o conde trouxera de Italia e nese intre as chamas comezaron a minguar e o incendio quedou sufocado (Debuxo de Siro López publicado no libro San Nicolás de Tolentino. Co-patrono de la Villa de Pontedeume, Pontedeume, 1997, p. 30, editado por iniciativa do vicario dese ano 1997, Celestino Sardiña, meu tío).

No ano 1621, outro incendio, seica desta volta non tan grande, volveu golpear a vila de Pontedeume. Para aplacalo, conta a lendaria tradición e tamén un documento de 1752 recollido no Libro Rexistrador de Propiedades do Concello que “non tanto recorreron ás forzas humanas, como á providencia do Señor, valéndose para iso dos méritos e protección do Glorioso Señor San Nicolás de Tolentino, a quen […] sacaron en procesión, e logo milagrosamente cesou a voracidade daquel elemento abrasador” (Debuxo de Pontedeume de Pedro Texeira realizado en 1634).

Como sinal de agradecemento, a Corporación Municipal, en sesión de dezanove de
xuño de 1621, decidiu que “desde o presente día en adiante, para todo tempo de sempre xamais, haberemos e teremos, e esta Vila haberá e terá polo seu protector e avogado ao glorioso San Nicolás de Tolentino, co Santo Apóstolo Señor Santiago, patrón principal dela e de toda España”. Desde aquela, cada ano, o día dez de setembro Pontedeume celebra o Voto a san Nicolás de Tolentino e alí se reparten uns boliños bieitos que os eumeses usamos como reliquias que nos serven de protección contra o lume. Un vicario corre cos gastos da celebración e, se non hai ningún, asume o encargo o Concello.

O costume de repartir os boliños milagreiros bieitos vén, segundo a tradición, dun
milagre que a Virxe María lle fixo ao santo cando este padecía unha grave doenza.
Malia que os seus superiores no convento lle mandaron tomar unha dieta máis rica en vitaminas cá moi austera e case miserenta que prescribía a Orde agostiña para os seus frades, san Nicolás de Tolentino non melloraba nada ata que se lle apareceu un día a Virxe María e lle dixo que só comese un boliño de pan mollado en auga. Así o fixo o santo e sandou axiña. Desde aquela comezou a repartir bolos de pan bieitos entre os enfermos e conseguiu que moitos deles sandasen tamén. Outra lenda asegura que é debido a que un día no que san Nicolás de Tolentino repartía o pan da súa comunidade de frades entre os pobres foi sorprendido polo prior e os bolos se converteron en rosas, para que o superior do convento non lle botase en cara que deixaba sen pan aos seus irmáns.

Pontedeume acolle na actualidade dúas imaxes do seu copatrón san Nicolás de
Tolentino, unha de vestir, aloxada no lado do Evanxeo do retablo do Sagrado Corazón de Xesús da igrexa parroquial, en cuxo ático está tamén a do apóstolo Santiago cos hábitos de peregrino, padroeiro principal da vila, e outra pétrea, nas inmediacións do seu adro. A pomba que porta na man esquerda nas dúas representacións iconográficas, outros afirman que era unha perdiz ou mesmo un paspallás, é debida a que conta unha lenda que lle ofreceron a san Nicolás este paxaro asado para o tentar. Así e todo, el, por non quebrantar o voto de abstinencia de carne, convidouno a escapar e a ave marchou voando milagrosamente do prato.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …