O Concello de Narón licitou o contrato de subministro, montaxe, mantemento e retirada da iluminación exterior ornamental das rúas e prazas do Concello de Narón durante as festas de Nadal dos dous vindeiros anos anos, con posibilidade de prórroga. O importe da licitación correspondente a 2019-2020 e 2020-2021 é de 164.814 euros (IVE incluído), se ben coa posible prórroga para 2021-2022 (contemplada no plego) a cantidade ascendería a 204.315 euros (sendo preciso engadir o IVE da citada prórroga). O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que as empresas interesadas en presentar as súas ofertas para este contrato dispoñen de prazo ata o vindeiro 24 de setembro para presentalas no Concello, a través da Plataforma de contratos do sector público, estando tamén os plegos dispoñibles no Perfil do Contratante do Concello –www.naron.es-.
Incremento de ornamentación nas parroquias da zona rural e na zona urbana
Entre as novidades que se recollen nos plegos do servizo, tal e como indicou o edil, están “un incremento de ornamentación nas parroquias da zona rural, con decoración na rotonda de Río Seco, na estrada do Trece dende o inicio, en Xuvia, ata O Carballo, en Sedes, e na esrtada do Feal”.
No que respecta á zona urbana, tamén se contemplan melloras, “incluíndose rúas que carecían total ou parcialmente de ornamentación, como a Rafael Bárez, a estrada da Gándara e a avenida Souto Vizoso”. Así mesmo, avanzou, “no contrato a asinar contémplase que sexa a empresa adxudicataria a que abone os gastos derivados do consumo da enerxía eléctrica dos elementos instalados con motivo da ornamentación de rúas e prazas da cidade nas festas do Nadal”. Tamén se valorará, apuntou, o feito de que “a contratación do subministro de enerxía eléctrica se realice cunha comercializadora que garanta que o cen por cento do subministro de enerxía eléctrica é de orixe renovable”.
En total instalaranse preto de 300 elementos navideños en viais, prazas e tamén no exterior do edificio do Concello. Entre os mesmos inclúense, según se recolle no plego, os tradicionais rótulos de “Boas festas” na estrada de Castela, arcos –algúns deles dobles-, motivos en farolas, motivos en 3D de varias alturas; a decoración dun abeto natural de 10 metros de altura; a iluminación de varias árbores naturais e tamén doutras simuladas; a decoración dun abeto natural de 25 metros de altura e tamén a instalación dun elemento iluminado e visitable no interior simulando algunha figura ou motivo navideño.
A iluminación deberá estar acendida todos os días entre o 5 de decembro e o 7 de xaneiro a partir das 18.00 horas e apagándoo ás 01.00 horas cada día a excepción das xornadas do 24, 25 e 31 de decembro e do 1, 5 e 6 de xaneiro, que deberá continuar acendido ata o amencer. Para o correcto funcionamento do servizo a empresa adxudicataria deberá garantir un servizo de garda de 24 horas durante o período no que estea acendido o alumeado de Nadal.
“Todos os elementos que se instalen na cidade terán unha coherencia en canto aos motivos ornamentais, sempre relacionados co Nadal, e tamén en canto ás cores”, avanzou Santalla, que valorou as melloras aplicadas ao contrato para os vindeiros dous anos co obxectivo de que “a cidade estea o máis ambientada posible para as veciñas e veciños e tamén para a xente que nos visite dende outros concellos de cara á celebración das festas do Nadal”.