O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse na mañá deste luns no seu despacho da institución provincial coa alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, no que foi o primeiro encontro oficial entre ambos mandatarios tras as eleccións municipais de maio. Na reunión participou tamén o concelleiro de Obras, Pablo Mouriz.
A alcaldesa enmarcou a visita como “unha primeira toma de contacto para abordar proxectos e expor algunhas necesidades de Narón en materia de mellora de estradas”. Neste sentido, destacou dous proxectos nos que o goberno municipal ten especial interese para levar a cabo neste mandato: a ampliación e mellora da seguridade das estradas de San Xiao e O Feal.
Formoso interesouse polas características de ambos proxectos e a posible necesidade de actualización dos mesmos e comprometeuse a visitar próximamente Narón, acompañado dos técnicos provinciais, para valorar a súa viabilidade.
Ferreiro solicitou tamén o mantemento e reparación de beirarrúas en determinados viais de carácter urbano coma a estrada da Gándara, a rúa Concepción Arenal, avenida Souto Vizoso e avenida de Santa Icía, así como o na posibilidade de transferir a súa titularidade ao concello ao longo do presente mandato.
González Formoso comprometeuse a trasladar a petición ao servizo de Vías e Obras e afirmou que a solicitiude de cesión será tida en conta dentro do paquete de transferencias de viais que o servizo de Vías e Obras prepara en diversos concellos da provincia.