O pleno ordinario da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol celebrado hoxe aprobou sacar a licitación as obras de ampliación e mellora do refuxio de animais de Mougá. Pese a que nos últimos meses as instalacións rexistraron un descenso da ocupación debido ao bo comportamento das adopcións, desde o organismo supramunicipal explican que, aínda que a súa capacidade é superior á que se necesita nos últimos tempos, dos 65 cans que hai na actualidade, 48 son de razas clasificadas como potencialmente perigosas, que esixen máis espazo que o resto dos cans. Ademais, a ampliación servirá tamén para mellorar aínda máis as condicións nas que viven os animais.
As cifras do servizo que presta a instalación revelan que a chegada de cans abandonados rexistra un descenso paulatino. Con todo, os cans de razas potencialmente perigosas que chegan ao refuxio teñen más difícil encontrar un fogar. A día de hoxe supoñen o 80% dos que hai, polo que dende a Mancomunidade de Ferrol fan un chamamento a la solidariedade dos veciños da comarca para que aumente a adopción destes cans acollidos no refuxio entre persoas responsables e que reúnan as condicións para facerse cargo deles, e lembran que é necesario cumprir uns requisitos legais.
Tamén teñen máis dificultade para ser adoptados os cans de mais idade. Sen embargo, para adoptar animais de pequeno tamaño existe neste momento unha lista de espera.
Por outra banda, o próximo mércores péchase o prazo de presentación de ofertas da licitación do servizo do refuxio de animais de Mougá.
Durante o pleno de hoxe tamén se aprobou sacar a concurso o arrendamento do antigo matadoiro da Gándara, por un prezo mínimo de partida na poxa de 3.000 euros ao mes, durante 20 anos. Este importante paso responde á necesidade da Mancomunidade de Ferrol de dar aproveitamento á instalación e evitar así o seu deterioro. Dende a entidade apúntase que o aluguer do inmoble pretende contribuír, a maiores, ao tecido industrial do polígono e da comarca.
Proposta para unificar festivos
Outro dos puntos da orde do día do pleno era unha proposta para coordinar os festivos locais na comarca. Acordouse que así se faría na medida do posible, e cando coincidisen en datas próximas, por exemplo, na semana do entroido.
Iniciativas sobre turismo
Os alcaldes tamén tomaron coñecemento dunha serie de iniciativas relacionadas co turismo que está a impulsar a Mancomunidade. Por unha banda, estase a organizar unha xornada sobre extratexia xeral de promoción do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas a través dunha acción no ámbito da intelixencia turística, que facilita a análise de datos a través de Internet, e das redes sociais en particular, para adaptar a oferta á demanda. Por outra, vaise programar unha xornada específica sobre o produto turístico Santo André de Teixido. Ambas estanse a preparar de cara ao outono, e proximamente se concretarán as datas.
Entre outros asuntos, o pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol tamén aprobou definitivamente a Conta Xeral do 2018.