Máis de 31.600 persoas asistiron aos espectáculos no Pazo da Cultura de Narón o primeiro semestre deste ano

Un total de 31.646 espectadores acudiron ao Pazo da Cultura de Narón entre os meses de xaneiro e xuño deste ano para desfrutar da programación deseñada dende o Padroado da Cultura. Así o indicou a alcaldesa da cidade e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro, que subliñou que “o Pazo é un referente cultural non só na comarca, senón tamén noutros concellos grazas á contratación de variados espectáculos de primeiro nivel”.

O balance do primeiro semestre do ano é “moi positivo”, tal e como indicou Ferreiro, que explicou que a media de público por cada un dos espectáculos –alguns deles con máis dunha función- foi nestes seis primeiros meses do ano de 527 asistentes.

En canto aos espectáculos que se desenvolveron no Pazo durante o citado período a alcaldesa recordou que “foron un total de sesenta, dos que trinta se corresponderon con obras de teatro, tanto específicas para público infantil como dirixidas a todo tipo de públicos, vinte de danza e dez musicais”.

A gran aceptación e calidade da programación do Pazo fixo tamén que no primeiro semestre de ano se esgotasen as entradas dispoñibles para varios espectáculos, completándose o aforo dispoñible ao pouco tempo de poñerse á venda para o público xeral. O pasado mes de xaneiro esta situación rexistrouse
co concerto de Víctor Manuel, que presentou na cidade o seu disco “Casi nada está en su sitio” e tamén, ese mesmo mes, nos tres pases da comedia “Somos Criminais”, protagonizada polos cómicos galegos Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. Precisamente a vindeira fin de semana, os días 13, 14 e 15, subiranse de novo ao escenario do Pazo Touriñán e Blanco, nesta ocasión para interpretar “Unha noite na praia”, unha comedia coa que se retomará a programación dos últimos catro meses do ano no Pazo e para a que as entradas están esgotadas dende hai varias semanas. O cartel de “completo” colgouse tamén co espectáculo musical “Remember Queen”, o pasado mes de abril, tal e como recordou Ferreiro.

“Dende o Padroado da Cultura apostamos ano tras ano por diversificar a programación, con espectáculos moi variados dirixidos a diversos tipos de público e tamén apostando por citas xa consolidadas na programación do Padroado, como é o caso do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que o pasado mes de marzo celebrou a súa cuarta edición na que foi unha firme aposta pola creación galega”, asegurou a alcaldesa.

“O balance dos seis primeiros meses do ano é moi positivo, constatándose o respaldo do público á programación ofrecida dende o Padroado da Cultura e, polo tanto, ao traballo que dende a área cultural
estamos desenvolvendo dende hai anos neste Concello”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …