O alcalde visitou aos vinte nenos do campamento de verán de Esmelle

Cristina Prados e Ángel Mato na visita o campamento de Esmelle | Concello de Ferrol

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, achegouse esta mañá ao campamento de verán de Esmelle, un dos oito que o Concello, a través da concellería de Muller, Igualdade e Xuventude organizou para os meses de xullo e agosto. Mato estivo acompañado durante a visita pola concelleira desta área, Cristina Prados. Ambos reuníronse no parque do mago Merlín cos vinte nenos que participan na actividade durante esta quincena para atender as súas preguntas e coñecer de primeira man a súa opinión sobre esta iniciativa, que, ademais de facilitarlles ás familias a conciliación, serve para que os pequenos gocen dun ambiente de xogos e aprendizaxe e adquiran conciencia de temas tan importantes como a igualdade entre mulleres e homes, unha cuestión transversal durante a parte lúdica dos campamentos.

Entre as reivindicacións que algúns dos pequenos lle trasladaron ao alcalde estaba a de “ir á praia” cos seus compañeiros, como dixo unha das nenas. Tamén lle demandaron, entre outras cousas, que en próximas ocasións se organizasen “guerras de globos de auga”. Durante os minutos que compartiron xunto á estatua de Merlín, puideron poñerse ao día sobre máis cuestións e incluso fotografarse todos xuntos. Pouco antes de marchar, Ángel Mato puido anunciar algo: “Antes de que remate este campamento, ides ir á praia”, aseguroulles.

Ocupación próxima ao 100 %

Os campamentos, que rematan este venres 30 de agosto, puxeron a disposición das familias ferrolás 840 prazas para menores de 3 a 13 anos de idade, distribuídas entre catro quincenas de xullo e agosto. Cada familia tivo a opción de escoller unha ou dúas como máximo. Distribuíronse entre a Ludoteca da praza de España, a Casa da Xuventude, o centro cívico de Canido, o centro cívico de Ferrol Vello (só xullo), a asociación de veciños de Santa Mariña, a asociación de veciños de Serantes, a asociación de veciños de Covas (só xullo) e a asociación de veciños de Esmelle (só agosto). Os horarios das actividades foron de 9.30 a 13.30, con servizo de madrugadores de 8.30 a 9.30 e a opción de recoller aos nenos ata as 14.30. En cada unha das dúas quincenas de xullo ofertáronse 70 prazas no rural e 180 na área urbana, mentres que en cada unha das de agosto a proporción foi de 50-120. A ocupación foi do 100 % en xullo e do 95 % en agosto.

Para levar a cabo o programa de campamentos infantís, incluídos os de verán, os de Nadal e os de Semana Santa, o Concello conta cun orzamento próximo aos 70.000.

Lea también

Xunta, Ayuntamiento de Ferrol y Autoridad Portuaria trabajan unidos para crear suelo industrial en la zona de Mandía

El alcalde de la ciudad, José Manuel Rey Varela, y la conselleira de Economía e …